A xornalista Vanesa Gómez Lourido encabezará o BNG en Riotorto

TerraChaXa | AMariñaXa
A xornalista de Vilarquide Vanesa Gómez Lourido encabezará a lista do BNG de Riotorto ás eleccións municipais do 28 de maio.
vanesa lourido bng riotorto
12 Abr 2023

Vanesa Gómez Lourido encabezará a lista do BNG de Riotorto ás eleccións municipais do 28 de maio. Xornalista, de Vilarquide, na parroquia de Galegos, será candidata á Alcaldía pola forza nacionalista, que se presenta como a principal alternativa ao goberno do Partido Popular.

Activa no BNG local desde 2007, a candidata nacionalista, elixida pola asamblea local, agradeceu a confianza das compañeiras e compañeiros do BNG para continuar co traballo desenvolvido nestes anos e impulsar un cambio político en Riotorto.

“O BNG xa ten demostrado neste concello a capacidade para gobernar e  transformar, ampliando os servizos para a veciñanza, levando a actividades ás parroquias, creando oportunidades de desenvolvemento económico e turístico arredor do ferro e dinamizando o comercio e a hostalería cos mercados estacionais”.

“Cremos nos recursos que ten o concello e na xente que vive aquí, por iso nestas últimas semanas estamos convidando a persoas das distintas parroquias a involucrarse neste proxecto e recuperar o tempo perdido para Riotorto cos gobernos do Partido Popular”.

“Clemente Iglesias e os concelleiros do PP manexaron neste mandato os maiores orzamentos das dúas últimas décadas, con ingresos extraordinarios pola contribución que pagamos en todas as casas e fondos do Plan Único da Deputación, e, sen embargo, non foron capaces de poñer en marcha ningún proxecto para o futuro”.

“Rematarán o mandato cun médico menos no centro de sáude, escondéndose para non ter que debater a cuestión nun pleno, e instalando en Riotorto unha planta de residuos que non quererían en ningún outro concello do país e que a veciñanza de Aldurfe tivo que sacar das portas das súas casas”.

“Riotorto sufre un goberno asfixiante, que non admite ningunha iniciativa que escape ao seu control, e dedicado únicamente a satisfacer os intereses  dos concelleiros e das persoas achegadas”.

“No BNG representamos unha forma moi distinta de entender a política e ofrecemos á veciñanza vontade e coñecementos para levar a cabo ese proxecto alternativo e de futuro para Riotorto ”, concluíu.

Luis Fernández, actual concelleiro do BNG, manterase na primeira liña da candidatura co que a forza nacionalista encara as eleccións do 28 de maio e os vindeiros catro anos.

0.17700290679932