A vindeira semana retomaranse os traballos na LU-P-1503 ao seu paso por Cervo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou esta semana os traballos de mellora da estrada provincial LU-P-1503, que vai dende Río Covo, por Trasbar, a Vilaestrofe, no termo municipal de Cervo. A institución provincial destina máis de 400.000 euros a estes traballos, que servirán para renovar case os 3 primeiros quilómetros da vía, desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 2,6.
As obras xa van avanzadas e xa se executou un primeiro tramo, ata o punto quilométrico 1,2. Este luns, se o tempo o permite, retomaranse os traballos, que se tiveron que suspender pola climatoloxía adversa do inverno.
Subliñou Tomé Roca, quen estivo acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e veciños e veciñas da localidade mariña, que esta é unha actuación de gran importancia, xa que a vía LU-P-1503 enlaza coa estrada provincial LU-P-1502 e serve de acceso a múltiples servizos, comunicando co concello de Burela e o Hospital Público da Mariña, así como cos campos de fútbol da Granda en Rúa e o da Chá en Vilaestrofe, e co Miradoiro de Monte Castelo.
Nas obras que se están a desenvolver nesta estrada provincial, comezouse coa reapertura das cunetas, eliminando terra e vexetación acumuladas para recuperar a súa capacidade de drenaxe e asegurar a durabilidade do firme. Ao mesmo tempo, procédese á escavación nos laterais da vía para ampliar a calzada, enchendo con materiais axeitados como grava ou pedra compactada, segundo as condicións do terreo.
Os traballos inclúen o ensanche da vía, logrando que acade un ancho novo que varía entre os 5,20 e os 5,75 metros, dependendo do tramo. Nalgúns puntos, as cunetas serán revestidas con formigón para reforzar a súa estrutura. Ademais, estanse realizando actuacións no sistema de drenaxe, como a colocación de tubos ou pezas prefabricadas para gañar espazo sen afectar muros nin taludes, e a limpeza ou substitución de elementos en mal estado para garantir unha correcta evacuación das augas.
Unha vez acondicionados os bordes da estrada, colócase unha capa de zahorra e logo esténdese o aglomerado en quente, garantindo así unha mellor regularidade e resistencia da superficie. Finalmente, procederase á renovación da sinalización horizontal, con pintura branca reflectora, e da sinalización vertical, substituíndo os sinais en mal estado. Tamén se instalarán biondas nos treitos onde sexa necesario reforzar a seguridade viaria.