A Vila de Nadal de Lourenzá medra en tamaño e esténdese ás parroquias con novas propostas

AMariñaXa
O espazo decorativo incorpora novas escenas, reforza o seu atractivo turístico e amplía a iluminación festiva a Santo Adrao, Santo Tomé e San Xurxo
VILA-DE-NADAL-EN-LOURENZa-2025
26 Dec 2025

A Vila de Nadal de Vilanova de Lourenzá presenta nesta edición unha imaxe máis ampla e renovada, con novas incorporacións que enriquecen a ambientación e consolidan este espazo como un dos grandes reclamos do Nadal na comarca. Xunto ás novidades da propia vila, o Concello apostou tamén por incrementar a decoración festiva nas parroquias de Santo Adrao, Santo Tomé e San Xurxo, co obxectivo de levar o espírito do Nadal a todo o municipio.

A alcaldesa, Rocío López García, lembra que este proxecto botou a andar no ano 2016, cando xurdiu a iniciativa de crear unha decoración navideña a partir de materiais reciclados. Desde entón, a vila foi medrando ano tras ano, incorporando novos elementos e escenas ata acadar o tamaño actual. De feito, segundo explica a rexedora, a praza quedou pequena e foi necesario estender a montaxe a outras zonas para dar cabida a todas as pezas.

Nesta edición continúase afondando na representación dos oficios tradicionais, cun barbeiro e unha biblioteca como novas escenas destacadas. Ademais, a vila suma un tiovivo que reforza a idea de festa e movemento, completando un conxunto no que xa estaban presentes músicos e pequenas embarcacións. Outras novidades son a figura dun leiteiro nunha bicicleta, evocando imaxes doutros tempos, e a creación da chamada “aldea dos gnomos”, situada no quiosco.

Para o Concello, a Vila de Nadal converteuse nun importante atractivo turístico durante estas datas, especialmente nun período no que habitualmente se reduce a afluencia de visitantes. Co paso dos anos, o espazo foi gañando recoñecemento e cada vez son máis as familias, sobre todo con nenos, que se achegan a Lourenzá para descubrir as novidades de cada edición. Segundo sinala a alcaldesa, son precisamente os máis pequenos quen mellor lembran os detalles e identifican os cambios introducidos cada Nadal.

López García quixo tamén poñer en valor o intenso traballo que hai detrás da montaxe. Un labor que comeza pouco despois da Festa da Faba, a comezos de outubro, e no que participan concelleiros, persoal municipal e veciñanza voluntaria. Pintar, cortar e elaborar as pezas require tempo e esforzo, que non sempre se percibe unha vez que a vila está instalada e aberta ao público.

A alcaldesa anima a visitar a Vila de Nadal mesmo a quen xa a coñeza doutros anos, xa que nesta ocasión apostouse por reorganizar os elementos para ofrecer unha percepción diferente e máis acolledora do conxunto. A disposición máis aberta e dispersa das pezas contribúe a crear un ambiente distinto e máis cómodo para o paseo.

A Vila de Nadal de Vilanova de Lourenzá poderá visitarse ata o 11 de xaneiro. Ademais, como complemento, o Concello reforzou a decoración nas parroquias, onde se instalaron iluminacións con forma de agasallos, e colocou tamén o trineo de Papá Noel na entrada da vila, completando así unha proposta festiva pensada para todo o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.077494144439697