A VII edición da Romaxe Viquinga do Vicedo 2024 foi presentada

AMariñaXa
Ao igual que en anteriores ocasións, a programación inclúe numerosas actividades como o tradicional combate entre tropas cristiás e viquingas
Presentación-da-Romaxe-Viquinga
18 Xul 2024

O Vicedo acollerá o venres 26 e o sábado 27 de xullo a sétima edición da Romaxe Viquinga, que foi presentada na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

Participaron o delegado territorial, Javier Arias; o alcalde do Vicedo, Jesús Novo; os membros da compañía Queiman e Pousa, encargados dalgúns espectáculos e actuacións; e integrantes doutras institucións colaboradoras.

En canto ás actividades previstas, este ano comezarán o xoves 25 cunha ruta guiada pola zona dos Moutillós para explicar a orixe da celebración. O pregón a cargo do actor Alfonso Agra será o venres ás 20.30 horas no exterior da Casa da Cultura.

A xornada grande terá lugar o sábado 27 na praia de San Román. A partir das 11,00 horas abrirán os campamentos viquingos e cristiáns e comezarán os obradoiros. Ao longo do día sucederanse os espectáculos de recreación e desfiles, talleres, xogos, actuacións musicais, contacontos e outras iniciativas, como unha exposición de armamento viquingo.

Entre as actividades máis destacadas figura o desembarco viquingo ás 12.30 horas, seguido da batalla entre tropas viquingas e cristiás; as vodas ás 18.15 horas e o enterramento viquingo ás 22.30 horas.

APOIO DA DEPUTACIÓN DE LUGO

O deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, puxo en valor a achega por parte da institución provincial de case 30.000 euros a través do Plan Deputación.

Fernández Méndez felicitou a todos os organizadores, voluntarios e participantes que fan posible este evento e subliñou que “o voso traballo incansable, a vosa paixón e dedicación son o alicerce fundamental que sostén esta celebración. Grazas a vós, O Vicedo transforma cada ano este anaco de historia nunha experiencia viva e inesquecible”.

Ademais, o deputado provincial convidou a toda a veciñanza a achegarse durante a última fin de semana a esta cita e destacou que a “Romaxe Viquinga é un exemplo perfecto de como a cultura e a historia poden ser celebradas e vividas de forma dinámica e enriquecedora” e sinalou que “esta edición será un rotundo éxito para os veciños e visitantes que pasarán dúas xornadas inesquecibles”.

0.19039011001587