A vicevoceira do PP de Burela, Yovana Oroza, elixida como coordinadora do mar

AMariñaXa
Por primeira vez na súa historia o PP de Burela terá unha coordinadora de mar na executiva autonómica, Yovana Oroza
20 Jul 2021

Por primeira vez na súa historia o PP de Burela terá unha coordinadora de mar na executiva autonómica, trátase da vicevoceira municipal do PP, a burelá Yovana Oroza, unha enxeñeira de Camiños Canles e Portos que xa acompañou ao cabeza de lista, e actual voceiro municipal, Manuel Rouco, como número dous nas últimas eleccións municipais.

A enxeñeira de 34 anos de idade, natural de Burela, di sentirse “moi ilusionada por este nomeamento de tanta responsabilidade, co que non contaba, e tratarei de devolver a confianza que o presidente Feijóo acaba de depositar en min por medio do bo facer nesta nova etapa que comezo”. E segue, “son consciente de que este cargo que se me encomenda vai levar aparellado un duro traballo, sen embargo, teño o total convencemento de que serei capaz de sacalo adiante”.

Deste xeito, “paseniñamente o PP de Burela vai gañando peso dentro do Partido Popular a nivel provincial, autonómico e nacional”, indica o voceiro municipal Manuel Rouco, “de feito, xa con anterioridade, a nosa concelleira Ana Álvarez, enfermeira de profesión, gozara da confianza da presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, para formar parte da comisión de sanidade e, do mesmo xeito, a nosa compañeira Belinda Oroza, profesional da sanidade, foi nomeada, por primeira vez na historia da Agrupación Local do Partido, para formar parte da directiva nacional de Novas Xeracións, que está presidida pola deputada Bea Fanjul”.

“Esta é unha mostra”, segundo indica Rouco, “de que, a renovación tranquila levada a cabo no seu día polo Partido Popular de Burela, apostando por xente formada, preparada e capaz, para defender así os intereses dos veciños e veciñas de Burela, é a liña que está a seguir o Partido Popular en tódolos seus ámbitos, tanto provincial como autonómico e nacional”.

0.097818851470947