A Vicepresidencia crea Marela!, un programa de impulso da raza Rubia Galega

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O BOP recollerá as bases o luns 2 de setembro, e as persoas interesadas terán 15 días hábiles para acollerse a mesmo
marela-e-o-deputado-daniel-garcia
30 Aug 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou no Pazo de San Marcos Marela!, un novo programa para a promoción e potenciación das reprodutoras inscritas da Raza Rubia Galega nas explotacións da provincia de Lugo. O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García foi o encargado de detallar este programa que nace co obxectivo de promover o desenvolvemento do sector gandeiro, como sector estratéxico da economía da provincia, co fin último de propiciar as condicións óptimas para que se produza unha fixación real de poboación no medio rural.

Marela! conta cun orzamento de 200.000 euros e beneficiará a 500 animais con axudas unitarias de 400 por animal, cun límite máximo de 6 animais por granxa que cumpren cos criterios establecidos nas bases. As bases serán publicadas o luns 2 de setembro.

Daniel García explicou que “con Marela! queremos apoiar a un sector que leva sendo castigado de xeito histórico e recorrente nos últimos anos, e máis recentemente durante a pandemia da COVID, a crise da guerra de Ucraína pola suba dos conxuntos dos elementos que forman parte do proceso produtivo, a excesiva burocratización na tramitación das axudas da nova PAC e recente elevadísima incidencia da EHE e da lingua azul nos animais das ganderías”.

Poden ser beneficiarias tanto as persoas físicas como xurídicas, titulares de explotacións gandeiras da provincia de Lugo, que críen animais bovinos de pura raza Rubia Galega, sempre que posúan al menos unha femia reprodutora desta raza, nacidas nas propias granxas, que pasara o Rexistro Definitivo do seu Libro Xenealóxico durante o pasado 2023.

Ademais deben ter acreditado como mínimo un parto antes dos 30 meses, que superen unha cualificación lineal mínimas e 40 puntos, que non posúan defectos e que obteñan un resultado positivo de filiación cos seus proxenitores (un test de paternidade e maternidade). Os animais beneficiarios da axuda deben permanecer polo menos durante 3 anos na granxa do titular solicitante, con posibilidade de subrogación dos dereitos.

“O sector do vacún de carne é un dos sectores económicos máis importantes do noso rural. Lugo conta con máis da metade de todas as granxas galegas, o que amosa un fiel reflexo do papel estratéxico deste sector no agro da provincia de Lugo. O sector primario é vital tanto desde un punto de vista económico, como social coa fixación de poboación no rural; como ambiental, pola xestión dos territorios do interior e da montaña e a prevención no risco de lumes forestais”, detallou o deputado.

“As vacas sempre foron, son e serán parte da nosa identidade como pobo e da nosa cultura, parte do noso sustento e da nosa familia”, defendeu así a creación deste programa que axudará a gandeiros e gandeiras da provincia.

O material necesario para a solicitude estará á disposición de todas as persoas interesadas no BOP da provincia de Lugo do 2 de setembro, así como na propia sección da área rural na páxina web da Deputación de Lugo. A documentación deberá rexistrarse a través da sede electrónica da Deputación de Lugo ou fisicamente no Rexistro provincial antes do 23 de setembro. As solicitudes tramitaranse en rigoroso orde de entrada, tal e como se recolle nas bases.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17383098602295