A Venerable Orde Terceira divulga a intervención que devolve o esplendor ao seu retablo barroco

AMariñaXa
CREA Restauración divulgará o 22 de decembro os traballos realizados nunha peza barroca de alto valor histórico, intervida cun investimento de 95.469 euros da Xunta de Galicia
mondonedo-restauracion-retablo-2025
12 Dec 2025

O próximo 22 de decembro, ás 17:00 horas, a Capela da Venerable Orde Terceira (VOT) do convento de Alcántara en Mondoñedo será o escenario dunha xornada de divulgación centrada na restauración integral do seu retablo maior, recentemente rematada por CREA Restauración. A intervención foi promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia cun investimento de 95.469 euros.

O retablo, unha obra barroca de gran relevancia artística e devocional, foi obxecto dunha actuación completa orientada a recuperar a súa estabilidade estrutural e devolverlle o seu valor estético e patrimonial. Os traballos, iniciados no mes de xuño, incluíron a estabilización da estrutura, a mellora do acceso a través das portas laterais, labores de desinsectación, consolidación do soporte, fixación e limpeza das policromías, así como reintegracións matéricas e cromáticas.

Durante a xornada de presentación, o equipo restaurador explicará en detalle as fases da intervención, as técnicas aplicadas, os principais problemas detectados e os criterios que guiaron cada decisión, sempre orientados a garantir a conservación a longo prazo desta peza singular. A sesión permitirá ao público coñecer desde dentro o proceso de recuperación dun dos elementos máis emblemáticos da capela mindoniense.

⚙ Configurar cookies
0.078387975692749