A veciñanza únese en contra do desmantelamento da sanidade pública

AMariñaXa
A veciñanza da Mariña uniuse en apoio á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña baixo o lema Contra o desmantelamento da sanidade pública e que saiu do Hospital da Mariña e percorreu as principais da localidade.
20 Xan 2023

A veciñanza da Mariña uniuse en apoio á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña baixo o lema Contra o desmantelamento da sanidade pública e que saiu do Hospital da Mariña e percorreu as principais da localidade.

Así esta mobilización que rematou a súa andaina na praza do Concello puxo punto e final coa lectura do manifesto. Os alcaldes tamén se uniron en apoio e mandando durante os días anteriores diferentes videos de apoio advertindo da importancia da recuperación da Área Sanitaria eliminada no ano 2018 e que supuxo a recentralización dos servizos na macroárea de Lugo.

"A supresión da área sanitaria forma parte da estratexia do goberno da Xunta para ir baleirando de contido os centros sanitarios máis periféricos e rurais e capitalizar a asistencia sanitaria nas ciudades á vez que se aumenta o desvío de fondos para a sanidade privada", dixeron dende o colectivo mariñao. Tamén advirten da situación de emerxencia que está a vivir a Atención Primaria da Mariña, "con máis do 50% dos médicos de familia ausentes por falta de substitucións, centros de saúde sen ningún/ha facultativo e a escandalosa situación que está a vivir a pediatría de Atención Primaria, sen profesionais para atender ás crianzas e cuxas familias vense na obriga de acudir ao servizo de urxencias ou a pediatras privados, se é que teñen medios económicos", engadiron dende a Plataforma.

PSOE

O PSdeG leva denunciando insistentemente o colapso sanitario provocado polos recortes e a xestión do PP, así como a caótica situación sanitaria de toda a provincia de Lugo e da Mariña, “concretamente dende o pleno da Deputación de Lugo xa defendemos iniciativas para acabar cos recortes de persoal e adoptar medidas para repoñer coa maior brevidade posible os cadros de persoal nos servizos de medicina de familia, pediatría e persoal sanitario. E dende o Parlamento de Galicia, tamén presentamos propostas nesa mesma liña e por suposto, dende os concellos onde gobernamos, seguimos insistindo na necesidade de dotar de máis persoal sanitario aos nosos centros de saúde e que se cubran as baixas dos facultativos”, inciden.

Explican ademais que “estes mesmo días volvemos a demandar explicacións pola falla de médico no centro de saúde de Ribeira de Piquín. Así como recortes na atención pediátrica da zona da Ribeira Sacra, xa que moitos centros de saúde do sur da provincia estiveron sen servicio de pediatría. E tamén na Mariña, onde os máis de 1.800 nenos e nenas de entre 0 e 15 anos, do concellos de Viveiro, O Vicedo e Ourol, volveron quedar sen pediatra”.

Os socialistas acusan ao executivo galego de non convocar para este 2023 máis de 100 prazas de residente para medicina, psicoloxía ou enfermaría, a pesar de dispoñer dunha oferta récord por parte do Ministerio de Sanidade. Denuncian que o goberno do PP leva 14 anos deixando sen cubrir as prazas de médico en Galicia, “que tiñan dispoñibles para agora responsabilizar ao goberno central da falla de médicos”.

Na Mariña, dende a propia plataforma, denuncian listas de espera de ata 2 ou 3 anos para consultas como cardioloxía, trauma, uroloxía... ou para facer unha ecografía. E tamén derivacións a Lugo para probas como densiometrías, electromiografías ou intervencións como marcapasos ou varices.

No que atinxe a saúde mental, carecemos de unidade de prevención de suicidios, hospital de día infantoxuvenil ou unidade de agudos, que si teríamos se fóramos Área Sanitaria. Ademais, o persoal médico leva moito tempo atendendo a un número de persoas moi superior ás recomendacións, aumentando o risco de cometer erros e imposibilitando unha atención de calidade.

TRABADA

A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, asistiu á manifestación e considerou “inaceptable a situación de moitos centros de saúde da Mariña” e, no caso de Trabada, demanda “uns servizos sanitarios accesibles e de proximidade para a veciñanza”.

“Temos unha poboación envellecida e a Xunta debe garantir uns niveis de asistencia dignos; en Trabada temos dous médicos e unha enfermeira, pero por exemplo o ano pasado un dos médicos estivo de baixa e non foi substituído”, engade a alcaldesa.

“Tamén pedimos recentemente cunha moción que a xente maior puidera vacinarse das novas doses da Covid nos centros de saúde para non ter que desprazarse”, lembra, “e na residencia de maiores pronto teremos nove prazas máis, polo que necesitamos unha boa cobertura médica”.

O dereito á protección da saúde está recoñecido na Constitución Española e tendo en conta o envellecemento da poboación do concello, cunha ampla dispersión poboacional para facer as visitas domiciliarias, faise se cabe máis necesario contar cun servizo asistencial ben dotado; de aí a importancia duns servicios públicos de calidade no rural.

ANA PONTÓN

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou tamén na manifestación e instou a Rueda a deixar de lado “os parches” e poñerse a traballar “en serio” para sacar a frote a unha sanidade pública que está “ao límite”.

“Levamos trece anos de recortes, privatizacións, con precariedade no persoal médico e colocando á sanidade pública na situación límite que ten neste momento”, denunciou Pontón, en relación a un Partido Popular que en vez de poñer en marcha un cambio “vai de ocorrencia en ocorrencia e poñendo parches sen entrar no fondo do problema”. Así, alega, “vimos como nas últimas semanas pasamos do anuncio de PACs sen médicxs ao anuncio de agora de que persoal que non acabou a súa formación atenda nas urxencias de atención primaria dos PACs”.

A líder nacionalista pide ao Goberno do PP “que deixe de lado as ocorrencias e poña solucións á gravísima situación da sanidade pública”, reiterou, ao tempo que recalcaba o compromiso do BNG na defensa do dereito a saúde dos e das galegas.

“Quero enviar unha mensaxe clara a cidadanía: no BNG imos seguir defendendo a sanidade pública porque é unha das grandes conquistas sociais e non imos permitir que haxa nin un só paso atrás”, proclamou. “Fronte a un Partido Popular empeñado no deterioro da sanidade e convertido nun perigo para a saúde dos e das galegas, o BNG ten como prioridade defender uns servizos públicos de calidade para mellorar a vida das persoas”, recalcou.

A líder do Bloque insistiu en que si hai alternativa para darlle a volta a situación de colapso de atención primaria, empezando por un plan de choque de 200 millóns de euros, dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica, e un plan ambicioso e con investimentos para reducir as listas de espera.

0.18612217903137