A veciñanza ribadense critica o estado no que se atopan varias infraestuturas da vila
A veciñanza de Ribadeo vén de queixarse do estado no que se atopan varias infraestuturas da vila e neste caso en concreto da falta de asfaltado nalgunhas rúas.
"Desde o 2005 segue sen asfaltar un anaco de camiño na rúa de Rafael Fernández Cardoso", din os veciños, "di a Alcaldía que é privado , pero está aberto ao tráfico, ou sexa que é da súa competencia".
Segundo a veciñanza "de ser un tramo privado debera estar pechado ao público e se houbera un accidente sería entón competencia do Concello".
Por outra banda, falan tamén da falta da varanda da Aduana Vella, pois leva algún tempo sen parte dela o que podería ocasionar un accidente. Outra parte da veciñanza engade que o "arranzara que comprou o edificio, e vendo como está a Torre dos Moreno Ulloa, vai para moito tempo".
Recentemente informouse de que o edificio da Aduana Vella converterase nun hotel de catro estrelas con 30 habitacións con vistas á ría de Ribadeo. E desenvolverase nunha superficie de mil metros cadrados, que inclúe xardíns e achegará todos os servizos necesarios para lograr unha experiencia única.
O singular edificio do século XVIII está situado en primeira liña do peirao de Porcillán e pertenceu a Carlos Acevedo Pardo. A súa reconversión en aduana vincúlase directamente co desenvolvemento comercial por vía marítima. Así, Ribadeo tivo destacada posición entre os portos comerciais do norte da península dende o século XVI, se ben a época de maior auxe no que se refire a transaccións comerciais non chegou ata o século XVIII, momento no que se levantan os aranceis para a importación de liños do báltico, e Ribadeo convértese así no principal porto de entrada deste ben.
Outras mercancías habituais eran as de cabotaxe: aceite, viño, sal, etc. Esta chegou a ser a cuarta aduana en volume de recadación en Galicia, sendo habilitada no s. XIX para o comercio con América. Do edificio, destaca a súa fermosa fachada de puro estilo barroco borbónico.