A veciñanza maior de Alfoz despide o curso de ActivaMENTE cun obradoiro de musicoterapia

AMariñaXa
O programa municipal, que contou este ano con 44 participantes, celebrou a súa clausura lembrando cancións da mocidade e compartindo momentos cheos de emoción
ActivaMENTE-do-Concello-de-Alfoz-2025
21 Jun 2025

Coincidindo co comezo do verán, o Concello de Alfoz puxo o ramo a unha nova edición do programa ActivaMENTE, dirixido á poboación maior do municipio, que agora inicia un merecido período de descanso. Ao longo do curso, que abrangue de outubro a xuño, foron 44 as persoas que se sumaron ás diferentes actividades semanais, nunha das edicións con maior acollida ata o de agora.

Desde a organización destacan que o éxito deste programa reside na entrega e entusiasmo co que os participantes se involucran nas propostas. “Hai unha enerxía moi especial entre eles, cun ambiente de respecto, cariño e moita complicidade que fai que cada sesión sexa algo máis que unha actividade: convértese nun punto de encontro para socializar, rir e compartir”, subliñan desde o Concello.

A clausura desta edición estivo marcada por un emotivo obradoiro de musicoterapia conducido por María Fuente García, licenciada en Historia e Ciencias da Música. Durante a sesión, as persoas participantes tiveron a oportunidade de revivir cancións que marcaron a súa xuventude, ao tempo que improvisaban melodías da infancia e se animaban con pequenas coreografías.

A música serviu así como fío condutor para estimular a memoria, a creatividade e, sobre todo, para fomentar o benestar emocional. “Foi unha xornada moi especial, cargada de recordos e de emocións compartidas”, explican desde a organización, que valora especialmente o potencial terapéutico desta disciplina.

Con esta actividade péchase un curso que se desenvolveu con éxito grazas ao compromiso das persoas participantes e á implicación do equipo organizador. Agora, coa chegada do verán, chega tamén o momento de facer unha pausa, recargar enerxías e prepararse para unha nova tempada que dará comezo no mes de outubro, cun programa renovado e cheo de novas propostas adaptadas ás necesidades e intereses do grupo.

⚙ Configurar cookies
0.16770720481873