A veciñanza de Viveiro volve mobilizarse pola sanidade pública e alerta do “caos sanitario” en Cervo

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia o recorte de consultas pola tarde en Viveiro e convoca unha nova protesta en Cervo o 17 de xullo
Viveiro-manifestacion-saude-xullo-2025
3 Jul 2025

A cidadanía de Viveiro volveu saír á rúa para esixir unha sanidade pública digna, convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña. A concentración desenvolveuse diante do centro de saúde da localidade, dando continuidade ás mobilizacións que se repiten cada primeiro e terceiro xoves de mes, desde a multitudinaria marcha do pasado 23 de marzo. O motivo, denuncian, segue sendo o mesmo: a falta de profesionais suficientes que garantan unha atención sanitaria de calidade.

Segundo o colectivo, a situación vén de agravarse coa supresión das consultas de tarde a partir de xullo. A totalidade do cadro médico foi trasladado á quenda de mañá, o que, lonxe de solucionar os problemas, deixa aínda un déficit importante. "En Viveiro deberiamos contar con once médicos de familia, e esta estratexia de facer ver que todo está cuberto non convence a ninguén", afirman desde a plataforma. A veciñanza, engaden, "está farta de maquillaxes e mentiras".

A organización tamén denuncia prácticas que cualifican de opacas por parte da Xerencia da área sanitaria. Aseguran que se están a emitir circulares internas para retirar carteis informativos dos centros de saúde. "A súa única intención é xerar desinformación e manter á xente á marxe da realidade", critican.

Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña tamén lanzaron un chamamento de urxencia pola situación que se vivirá no Concello de Cervo nas vindeiras semanas. A partir do 15 de xullo, trala renuncia do médico do consultorio da capitalidade municipal e coas vacacións doutra facultativa destinada en San Cibrao, o municipio quedará cunha soa médica para atender a unha poboación de máis de 6.000 persoas, sumando censados e residentes.

A coordinadora do colectivo, Montse Porteiro, cualificou a situación como “de extrema gravidade” e advertiu que "se aveciña un verdadeiro caos sanitario". Por este motivo, a plataforma convoca unha concentración diante do centro de saúde de Cervo o vindeiro mércores 17 de xullo ás 11:30 horas, coincidindo co primeiro día no que o municipio quedará atendido por unha única facultativa, se non hai cambios por parte da administración.

Dado o carácter urxente da situación, a Plataforma decidiu trasladar a concentración prevista para ese día en Viveiro ao xoves 24 de xullo. “Apelamos á solidariedade e comprensión da xente de Viveiro, porque ante unha emerxencia hai que apoiar aos concellos que quedan convertidos nun deserto sanitario”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.17007803916931