A veciñanza de Viveiro pode comunicar as parcelas que están sen limpar para previr os incendios

AMariñaXa
A Tenencia de Alcaldía de Viveiro habilitou na sede electrónica do Concello de Viveiro, na sección de Medio Ambiente, un formulario para que os veciños e veciñas poidan comunicar aquelas parcelas que incumpren a obriga de xestión da biomasa ou retirada de especies arbóreas prohibidas, incrementando o risco de incendio.
bosques arbores montes
23 Abr 2024

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro habilitou na sede electrónica do Concello de Viveiro, na sección de Medio Ambiente, un formulario para que os veciños e veciñas poidan comunicar aquelas parcelas que incumpren a obriga de xestión da biomasa ou retirada de especies arbóreas prohibidas, incrementando o risco de incendio. Lémbrase que a obriga de xestión da biomasa forestal e retirada de especies arbóreas prohibidas debe cumprirse polos titulares dos terreos ou dos aproveitamentos madereiros antes do 31 de maio de cada ano.

“A norma da Xunta de Galicia sobre incendios descargou toda a responsabilidade nos concellos sobre a notificación aos propietarios que teñen as fincas con maleza e supoñen un perigo para incendios”, asegura Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldía de Viveiro. No caso de Viveiro, o concello ten máis de 10.000 parcelas dentro das faixas de biomasa, polo que resulta imposible inspeccionar, notificar e verificar o cumprimento da lei na totalidade das mesmas.

Planifícanse as campañas anuais en atención aos medios dispoñibles, polo que a colaboración cidadá constitúe unha fonte de información moi relevante. Debido a que moitos veciños manifestaban queixas pola presenza de parcelas sen limpar ao carón da súa vivenda, o concello habilitou este novo formulario para comunicar dese tipo de situacións.

Posteriormente, o concello notifica ao propietario a súa obriga de limpar para evitar risco de incendio e, en caso de incumprimento polo responsable, o concello pode actuar en execución subsidiaria, a coste do responsable, sen prexuízo da imposicións das sancións que correspondan. Estas solicitudes están previstas só para as fincas que o plan de prevención e defensa de incendios forestais do concello incorpore como faixas secundarias. Cada solicitude permite comunicar ata seis referencias catastrais.

0.086402893066406