A veciñanza de Viveiro mobilízase contra o colapso sanitario no seu centro de saúde

AMariñaXa
A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración o 15 de maio para denunciar a falta de persoal e as listas de espera interminables
moibilizacion-vecinos-viveiro-atencion-primaria
8 May 2025

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración diante do centro de saúde de Viveiro o vindeiro xoves 15 de maio ás 11:30 horas, tras unha serie de encontros con asociacións locais nas que se puxo sobre a mesa a crítica situación sanitaria que sofre o municipio.

Durante estas reunións quedou patente un problema estrutural: a demora de máis de vinte días para conseguir unha cita cunha médica ou médico de familia, o que xera un sentimento de abandono e desprotección entre a veciñanza. A situación é alarmante: esta semana estaban ausentes cinco dos once facultativos de medicina xeral, é dicir, practicamente a metade do cadro médico.

Segundo Montse Porteiro, voceira da plataforma, este non é un episodio illado, senón unha problemática constante. “Só nos días previos á gran manifestación que encheu Viveiro se fixo un esforzo por cubrir as ausencias. O resto do ano, a falta de persoal é a norma”, denuncia.

En pediatría, a realidade non é mellor. A pesar da presión social que logrou cubrir unha das dúas prazas existentes, segue sen haber solucións para garantir a atención continuada á infancia, situación que se mantén inalterada dende hai máis dun ano.

O panorama complétase cun escenario desolador nos hospitais, onde as listas de espera para atención especializada superan os tres, cinco e ata máis anos, segundo denuncia a plataforma. Esta demora prolongada compromete seriamente a saúde dos pacientes, que poderían ver agravadas as súas enfermidades ou precisar ingresos evitables se fosen atendidos a tempo. “As cifras oficiais están maquilladas, e o que se ve é só a punta do iceberg dun sistema en colapso”, afirman.

Ademais da protesta, durante a concentración membros da plataforma axudarán ás persoas asistentes a redactar reclamacións formais relacionadas coas demoras abusivas nas consultas.

Desde a Plataforma fan un chamamento á poboación de Viveiro, da Mariña e das localidades limítrofes para participar activamente nesta mobilización que busca reivindicar o dereito a unha sanidade pública digna, con atención ordinaria garantida nun prazo máximo de 48 horas.

⚙ Configurar cookies
0.1558051109314