A veciñanza de Verxeles, en Viveiro, reclama a mellora da zona
A veciñanza de Verxeles que acudiu ao programa do BNG 'Contallo ti' en Xunqueira reclamou a mellora "dunha vez por todas a zona".
No ano 2020 o BNG rexistraba unha moción en Pleno para cambiar "a situación de abandono e desastre urbanístico na que se atopa a zona de Verxeles, que suma abandono e falta de planificación nas poucas actuacións que aqui se levaron a cabo, traendo como resultado un lamentable e perigoso estado das beirarúas, esvaradías e totalmente irregulares en anchura e desnivel", din dende o BNG. Varios veciños asistentes afirmaron que “en Verxeles é complicado até andar, producíndoses numerosas caídas e accidentes, tamén para entrar aos garaxes os coches rascan defensas e baixos”.
Míriam Bermúdez, voceiro do grupo nacionalista, non puido máis que confirmar as palabras da veciñanza e asegura “que se quedaron cortos, con beirarúas sen continuidade e aparcamentos co asfalto levantado, a terra ou ser ordenar nin pintar”. Tamén destacou a “baixa visibilidade que teñen os vehículos cunhas entradas e saídas que non se colle en ambas direccións, sen visibilidade e que provocan encontros repentinos e inesperados.”
“Faise necesario estudar a posibilidade de establecer como sentido único o remate da Travesía Verxeles á súa saída pola Carnizaría Xunqueira, onde se une coa Avenida Xunqueira, pois o remate deste vial é estreito non permitindo o encontro de dous vehículos”, afirma Míriam Bermúdez, así como tamén “a esta situación hai que sumar o descontento da veciñanza pola ubicación dos colectores do lixo, ao lado da fonte de Xunqueira e os bancos, nos que se reúnen as persoas tendo que aguantar malos olores ademais da contaminación visual que provocan.