A veciñanza de Ribadeo contará cun programa de apoio a coidadores de dependentes

AMariñaXa
Trátase dun proxecto piloto cunha duración inicial de tres meses, tras o que se realizará unha avaliación para decidir a súa continuidade
cursos-coidador-ribadeo
10 Apr 2026

A Área de Benestar Social, Saúde e Familia do Concello de Ribadeo porá en marcha durante os meses de abril, maio e xuño un proxecto de sensibilización e apoio dirixido ás persoas coidadoras de dependentes, con especial atención ao alzheimer e a outras demencias.

O programa, titulado Coidando ao Coidador, incluirá charlas e obradoiros que serán impartidos por María Roel, enfermeira da propia área municipal. Estas actividades desenvolveranse nas distintas parroquias do municipio ao longo de abril e maio, aínda que as datas concretas serán anunciadas proximamente.

Ademais, crearase un grupo de apoio mutuo en colaboración coa Asociación Cuiden Maiores e Coidadores. Segundo explicou a concelleira Elena Sierra, trátase dun proxecto piloto cunha duración inicial de tres meses, tras o que se realizará unha avaliación para decidir a súa continuidade. A participación neste grupo requirirá inscrición previa.

Dentro desta mesma iniciativa tamén se celebrará o Primeiro Foro de Alzheimer, organizado en colaboración coa Xunta de Galicia, AFALU Lugo e AFAN Burela. Este encontro terá lugar o 30 de maio e centrarase no alzheimer e noutras demencias, con especial atención ás persoas coidadoras e aos profesionais sociosanitarios. Así mesmo, o sábado 13 de xuño desenvolverase unha xornada de reivindicación e visibilización dedicada ás persoas que realizan coidados familiares no fogar.

A responsable da Área de Benestar Social, Saúde e Familia, Elena Sierra, destacou a relevancia desta proposta, subliñando a necesidade de crear espazos seguros que sirvan de apoio ás persoas coidadoras, un colectivo que, segundo indicou, non deixa de medrar.

Pola súa banda, o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, reafirmou o compromiso do Concello con este tipo de iniciativas, sinalando que o obxectivo é seguir avanzando nun modelo centrado nas persoas e no recoñecemento do labor fundamental que desempeñan quen coidan.

Con este proxecto, o Concello de Ribadeo reforza a súa aposta polo benestar social e polo apoio ás familias e ás persoas coidadoras, consideradas pezas clave na atención ás persoas dependentes.

0.12075710296631