A veciñanza de Burela amosou a súa solidariedade cos refuxiados acollidos no municipio

AMariñaXa
O director da ONG Rescate, Carlos Echánove, sinalou que "no centro aprenden español, a nosa cultura, oficios… "
reunion-migrantes-Burela-2025
10 Jan 2025

A veciñanza de Burela asistiu a unha reunión informativa sobre o centro de acollida de refuxiados do municipio. Nela puideron aclarar dúbidas sobre o centro.

Esta charla contou coas intervencións do director da ONG Rescate, Carlos Echánove, da alcaldesa Carmela López, do coordinador do centro David Vivar e dos traballadores do mesmo Brahima Diarra e Abdoulay Camara.

A rexedora sinalou que "foi todo un éxito" e que o obxectivo da reunión era "aclarar calquera dúbida, ofrecer información veraz sobre o funcionamento do centro de refuxiados e contestar directamente as preguntas da cidadanía".

Así mesmo, o director da ONG Rescate, Carlos Echánove, sinalou que no centro aprenden español, a nosa cultura, oficios… "Queren traballar para ter unha nova oportunidade de vida e axudar ás súas familias", e engadiu que " a maioría proceden de Mali, un país afectado por un grave conflito bélico".

Tamén informaron que a ONG elixiu Burela fundamentalmente "porque existía un inmoble axeitado para este fin, que a ONG alquilou, como en outras comarcas galegas e do noso país nas que se están abrindo centros para axudar á comunidade canaria, agora mesmo saturada". Ademais reciben 56€/mes para gastos persoais ademais de comida, aloxamento e formación.

Os veciños e veciñas demostraron estar abertos a facilitar a integración, reflectindo o mellor da comunidade burelá e a alcaldesa concluíu sinalando que esta "é unha oportunidade para dialogar e promover unha convivencia baseada no respecto e na solidariedade, valores fundamentais".

 

0.16881108283997