A veciñanza das Negradas, no Vicedo, arranxará o tellado do local social grazas á Deputación

AMariñaXa
Os do 21 do Vicedo organiza para o sábado 26 de novembro un obradoiro de decoración de Nadal para os veciños que quieran achegarse.
2023 Convenio veciños das Negradas do Vicedo
2 Dec 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos con Andrés José Couce Baño, presidente da asociación veciñal O San Miguel, das Negradas, no Vicedo, un convenio de colaboración co que a institución provincial aporta preto de 5.000 euros para arranxar o tellado e renovar o mobiliario do local social do colectivo na parroquia.

A cuberta do inmoble ten danos e fisuras, polo que pasa a auga, o que imposibilita que cando chove se poidan realizar actividades no interior. Os fondos que aporta a Deputación servirán tamén para adquirir unha impresora e unha neveira, equipamento necesario para a actividade do colectivo veciñal.

Desta forma, a institución provincial contribúe co seu apoio económico ao mantemento da sede da asociación e a potenciala como un lugar de encontro e actividade das 66 familias que residen ou teñen vivenda nesta parroquia vicedense. O local atópase situado no lugar de Mosteiro, nas Negradas, e foi construído polo colectivo no ano 1990.

Esta asociación cumpre un labor social de moita importancia na parroquia, brindando a posibilidade de relacionarse aos veciños e veciñas de diferentes núcleos, ademais de ser un centro de reunión e confraternidade.

Esta colaboración co colectivo veciñal O San Miguel responde ao compromiso que mantén a Deputación de Lugo de apoiar ao tecido social da provincia para mellorar e ampliar servizos, co obxectivo de favorecer así a calidade de vida da veciñanza e contribuír a fixar poboación no rural.

0.20168685913086