A veciñanza da Órrea analiza o impacto do proxecto eólico Arno e prepara alegacións

TerraChaXa | AMariñaXa
A asociación anunciou que o vindeiro mércores, 27 de agosto, celebrarase unha segunda reunión, financiada pola Deputación Provincial e impartida pola Asociación Ventonoso
vecinos-santa-comba-da-orrea-eolicos
22 Aug 2025

A Asociación de Veciños de Santa Comba da Órrea, no concello de Riotorto, celebrou unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico Arno, impulsado por unha empresa filial do grupo Villar Mir. O encontro, celebrado no local social da parroquia, contou coa participación de representantes do Sindicato Labrego Galego (SLG) e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

Durante dúas horas, os asistentes recibiron información detallada sobre o proxecto, con documentación técnica e valorativa que permitiu coñecer os pros e contras da instalación. A asociación veciñal advertiu da importancia de que os veciños e veciñas presenten alegacións, lembrando que o prazo remata o 8 de setembro. Segundo explicaron, a tramitación afecta de maneira directa á parroquia e o número de alegacións pode servir como mecanismo de presión á hora de negociar coas empresas.

Un dos aspectos máis destacados da sesión foi a revelación de que a sociedade promotora do proxecto conta cun capital social de tan só 3.005 euros, "o que xera dúbidas sobre a súa responsabilidade en caso de posibles conflitos".

A asociación anunciou que o vindeiro mércores, 27 de agosto, celebrarase unha segunda reunión, financiada pola Deputación Provincial e impartida pola Asociación Ventonoso, especializada en enerxías renovables. Nesa xuntanza presentaranse modelos de alegacións, propostas de contratos e ferramentas de negociación coas empresas, ademais dun modelo de personamento no procedemento administrativo para que os propietarios poidan seguir a evolución da tramitación.

A Asociación de Veciños subliñou que estas reunións nacen da propia iniciativa da veciñanza, que quere estar informada e defender os seus intereses. Con todo, tamén deixou no aire a reflexión de se deberían ser outras institucións as que asumisen a responsabilidade de trasladar esta información á cidadanía cando se proxectan actuacións que afectan directamente ás súas terras.

⚙ Configurar cookies
0.20715093612671