A veciñanza da Mariña sairá á rúa en apoio ao futuro da comarca

AMariñaXa
O domingo 17 de outubro haberá unha manifestación en apoio ao futuro da Mariña lucense, da súa industria, infraestructuras e sanidade.
manifestacion industrial marina 1
15 Out 2021

O domingo 17 de outubro será a manifestación en apoio ao futuro da Mariña lucense, da súa industria, infraestructuras e sanidade. Esta mobilización terá saída dende a Cruz Vermella de Viveiro ás 12.00 horas.

"Esta comarca é o motor económico da provincia, xeradora de riqueza e emprego en sectores como a pesca, a madeira, o agro, os servizos, o turismo e, nas últimas décadas, na industria do aluminio, leva décadas clamando no deserto", din dende a CIG.

A Mariña “padece un abandono histórico e sistemático por parte das distintas administracións públicas e os distintos gobernos que se suceden en Madrid, Santiago e mesmo en Lugo”, dixeron dende a CIG.

Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Muebles Hermida, Alcoa, vestas son algúns dos exemplos mais chamativos, pero detrás hai outras moitas pequenas empresas que pecharon as portas, moitos comercios e autónomos que tiveron que baixar a persiana.

Así, dende o PsdeG na provincia de Lugo apoian as reivindicacións dos sindicatos CCOO, CIG e UXT polo futuro da Mariña. Lembran que xa presentaron no Parlamento de Galicia unha proposta para “non deixar morrer á Mariña”, e reclamar así “un plan de industrialización da Comarca, potenciar o turismo, apoiar ao pequeno comercio e aos autónomos así como o sector da hostalería”, remarcan.

A Plataforma Sanitaria da Mariña apoia e adhírese a manifestación e animan a "todos os veciños a que saian de xeito masivo á rúa, para volver a reclamar as demandas non atendidas durante anos e que se materializaron nunha manifestación multitudinaria, que percorreu as rúas de Burela en xuño do ano pasado". Este colectivo acredita en que a loita sen tregua é a única forma de lograr cambios , e por iso “chamamos a toda a poboación desta comarca a encher as rúas de Viveiro o próximo domingo para, nunha soa voz , reclamar das administración públicas o mantemento dos postos de traballo, da industria e dos servizos públicos, ao tempo que se dota a este territorio dunhas infraestruturas dignas do século no que nos atopamos”- conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario.

manifestacion industrial marina
0.18409895896912