A Valedora do Pobo dá respaldo ás reivindicacións da ANPA do CEIP Castro de Ouro
A ANPA do CEIP Castro de Ouro de Alfoz vén de recibir unha notificación da Valedora do Pobo que supón “un respaldo ás reivindicacións que as familias levamos meses defendendo”, indican. Esta resolución recoñece que a Consellería de Educación está incumprindo o Acordo do 10 de xuño de 2009 en materia de agrupamentos e subliña a excepcionalidade da situación do colexio, que urxe unha solución inmediata.
A Valedora do Pobo, tras analizar a denuncia das familias, establece que é necesario cumprir co ratio estipulado no Acordo de Agrupamentos do 2009, que indica que non se pode agrupar alumnado de diferentes ciclos nunha mesma unidade cando o número de estudantes supere os 12. Ademais, engade que, no caso de que a Consellería considere que non é posible aplicar esta norma, deberá xustificar adecuadamente os motivos e remitir á ANPA un informe detallado que analice as circunstancias excepcionais que aconsellan unha decisión diferente.
“Esta resolución supón un respaldo institucional á nosa loita, reforzando a demanda de que o noso centro conte cos recursos necesarios para ofrecer unha educación de calidade”, subliñan desde a ANPA. A Valedora do Pobo dá á Consellería de Educación un prazo dun mes para responder oficialmente a esta resolución.
Desde a ANPA valoran moi positivamente a dilixencia coa que a Valedora do Pobo tratou este asunto, así como a claridade coa que recoñece que a situación do CEIP Castro de Ouro é "excepcional". “Este termo non é menor e confirma que as condicións actuais do noso colexio están lonxe da normalidade e que, en circunstancias normais, deberiamos contar con máis recursos, en particular con máis persoal docente”, indican as familias.
Este apoio institucional é froito da unidade das familias, da implicación da comunidade educativa e das accións que se levan realizado nos últimos meses, “reforzando o noso convencemento de que a nosa loita está máis xustificada que nunca” subliñan. Ademais, a propia Valedora indica que a Consellería debe remitir á ANPA un informe detallado, “o que supón un novo escenario no que se nos trata como interlocutor necesario, algo que levamos reclamando da Consellería e que sempre se nos negou”, indican desde a ANPA, recordando a desafortunada actuación da Inspección de Lugo “que solo se presentou no centro para contar os alumnos e non para recibir ás familias nin para ver as necesidades do centro”.
O incumprimento da normativa por parte da Xunta, recoñecido agora pola Valedora do Pobo, pon en evidencia a falta de vontade política para solucionar este problema. “Desde a ANPA esiximos que se adopten as medidas necesarias para corrixir esta situación e que o noso centro recupere a normalidade”, indican.
As familias recalcan que non descansarán ata que o CEIP Castro de Ouro conte cos recursos que lle corresponden por dereito, como é o caso dos agrupamnetos, ou por necesidades específicas, como a reposición da especialista en Pedagoxía Terapeutica (PT). “Este respaldo da Valedora do Pobo é un paso máis nesa loita, que continuaremos con firmeza, pero tamén co apoio dunha resolución que evidencia que temos a razón”, conclúen desde a ANPA.