A USC participa nun proxecto para impulsar o desenvolvemento sostible en Viveiro

AMariñaXa
Viveiro foi o escenario dun proxecto que conta coa participación da Universidade de Santiago para impulsar o desenvolvemento sostible.
usc viveiro desenvolvmeneto sostible mariañ
11 Out 2023

Viveiro foi o escenario dun proxecto que conta coa participación da Universidade de Santiago para impulsar o desenvolvemento sostible. A pasada fin de semana, o colectivo Prato_DO organizou no Concello a primeira etapa do proxecto Comunidades de Impacto. Prototipo Viveiro e que tivo como principais protagonistas os alumnos do máster de Enerxías Renovables Cambio Climático e Desenvolvemento Sostible da USC.

O evento realizouse coa axuda de Luis Madrid, creador da metodoloxía comunidades de impacto co obxectivo de identificar os principais retos existentes en Viveiro e atopar solucións beneficiosas para o territorio. Os estudantes tiveron a responsabilidade de contactar cos cidadáns e detectar as necesidades que eles notaban en falta na súa cidade.

Despois dunha xornada de entrevistas pola rúa, tratando ámbitos variados como o social, o económico e o ambiental, o alumnado comezou a analizar as respostas obtidas por parte dos viveirenses. Cuestións como a deficiente conexión co resto de Galicia, a falta de relevo xeracional, a perda do comercio local e as dificultades co aluguer das vivendas foron as respostas máis repetidas entre a sociedade.

Ante estas evidencias, mediante unhas xornadas de estudo e planificación, os participantes desenvolveron uns proxectos de solución a estes retos, que foron presentados este domingo aos distintos actores de representación da cidade nun diálogo aberto con comunicación entre todos os implicados.

0.17946696281433