A Uned imparte en Foz un curso de marketing para hostaleiros
O Concello focense, en colaboración coa UNED-Aula Universitaria de Foz, pon en marcha unha nova iniciativa para os comerciantes e hostaleiros locais: un curso de Introdución ao Marketing Dixital, que será totalmente gratuíto e sufragado polo Concello. Foi presentado polo alcalde, Fran Cajoto, e a coordinadora de Extensión Universitaria de Foz, María Fuensanta Otero.
O rexedor municipal explica que “con este curso pretendemos formar aos empresarios locais nunha nova forma de marketing e publicidade -trasladada ao mundo virtual- baseada na utilización dos recursos tecnolóxicos e medios dixitais existentes para desenvolver comunicacións directas, destinadas a conseguir unha reacción positiva no receptor virtual. O curso inclúe formación en redes sociais como Facebook, Instagram e Twitter, posicionamento SEO para WordPress e titorías personalizadas para cada caso particular”.
Fran Cajoto engade que “a actividade desenvolverase o 26 e 27 de abril en horario adaptado aos horarios comerciais: de 8 a 11 horas e de 20 a 23 horas. Pretendemos que o curso sexa de proveito para o maior número de usuarios posible, por iso se deseñou para que interfira o menos posible cos horarios de apertura dos negocios. Quero dar as grazas ao persoal da UNED por entender as circunstancias e polo gran esforzo feito para adaptarse a uns horarios que non son nada habituais. Seguimos cumprindo co sector, nuns momentos de pandemia que non son nada sinxelos para os negocios”.
A coordinadora da Aula Universitaria de Foz, Fuensanta Otero, resaltou que “a formación é eminentemente práctica para os profesionais sexan capaces de personalizar un plan de marketing aos negocios actuais adaptándoos ás demandas e ás esixencias do mercado. Tamén lembrou aos participantes da actividade que acudan cos seus ordenadores portátiles e co paquete de Adobe instalado para comezar con enerxía desde o minuto un a formación e así rendibilizala ao máximo”.
Para obter máis información e para inscribirse no curso os interesados poden dirixirse á aula UNED de Foz nos teléfonos 982.133.699 ou 604.034.549 e no correo electrónico foz@lugo.uned.es.