A Uned en Foz programa cinco actividades para febreiro

Foz
AMariñaXa
A aula Universitaria da Uned en Foz acolle actividades formativas nos ámbitos educativo, psicolóxico, de idiomas, xurídico e de lecer.
PRESENTACIÓN ACTIVIDADES AULA UNED FOZ PARA FEBREIRO
30 Xan 2024

A concelleira da Aula Universitaria da UNED Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, veñen de presentar a nova programación formativa para vindeiro mes de febreiro. Deron conta de cinco novas actividades, para as que xa está aberta a inscrición.

Para comezar propoñen participar na presentación do libro ESL Sentence Builders, o xoves día 1 de febreiro ás 19 horas. A docente focense Leticia Veiga achégase á aula da UNED de Foz a dar conta do libro do que é coautora, ESL Sentence Builders. Trátase dunha obra didáctica baseada nunha novedosa metodoloxía para a ensinanza de idiomas. Unhas semanas despois, do 19 de febreiro ao 18 de marzo, esta autora impartirá un dos cursos de extensión universitaria, no que expoñerá o uso desta innovadora didáctica, denominado Implantación da metodoloxía EPI (Extensive Processing Instruction) en idiomas. As clases terán lugar os luns de 19 a 21 horas.

Tamén a comezos de mes haberá un novo curso, moi demandado, que versa sobre A disciplina positiva na aula, que se impartirá do 1 de febreiro ao 14 de marzo, os xoves de 17 a 19.30 horas.

Ademais o Curso preparatorio de Celga 3 e 4, que foi presentado na programación de xaneiro, tivo que ser posposto e pasará a celebrarase entre o 21 de febreiro e o 17 de abril. Terá lugar os mércores de 16 a 19 horas.

E o 27 de febreiro dará comezo un curso sobre Primeiros Auxilios Pediátricos, que se impartirá os martes de 17.30 a 20.30 horas en semanas contiguas ata o 19 de marzo.

Calquera destas actividades poden realizarse de maneira presencial e online en directo e en diferido. Para obter máis información sobre calquera delas indican que se contacte coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.

Finalmente anuncian que seguen inmersas no ciclo de presentacións da aula universitaria. Despois de celebrar varias charlas informativas en Foz e en Burela no mes de xaneiro, invitan a que se soliciten na aula ou no Concello por parte de quen teña interese en coñecer os servizos e recursos que dende a aula universitaria da UNED de Foz se ofrecen.

0.12292098999023