A UNED de Foz programa dúas actividades de Nadal para fomentar a creatividade, o aprendizaxe en familia e a solidariedade

A Aula Universitaria da UNED de Foz pon en marcha este mes de decembro dúas propostas orientadas a impulsar a creatividade, o aprendizaxe lúdico e a convivencia familiar, ao tempo que se promove a solidariedade nunhas datas especialmente significativas para a comunidade.
A primeira das actividades será un Obradoiro creativo de Galletas de Nadal en Inglés, que terá lugar o vindeiro 23 de decembro, entre as 11:00 e as 13:00 horas, nas instalacións da propia aula. A sesión será impartida por Leticia Veiga, habitual colaboradora nas iniciativas de lingua inglesa, e diríxese a nenos e nenas en idade escolar acompañados das súas familias. Durante o obradoiro, os pequenos poderán practicar inglés mentres elaboran galletas inspiradas no ambiente festivo destas datas. A actividade conta cun prezo simbólico de 5 euros por participante e require inscrición previa.
A coordinadora da Aula Universitaria, Marta Muíña, subliñou que “este tipo de actividades permiten aprender de forma divertida, combinando creatividade, familia e práctica do inglés nun ambiente próximo e motivador”. Engadiu tamén que estes encontros “supóñen unha oportunidade para abrir a aula á comunidade e ofrecer propostas accesibles que fomenten o gusto polo coñecemento”.
Paralelamente, a UNED de Foz promove a campaña Nadal Solidario, centrada na recollida de alimentos destinados ás familias que máis o precisan nestas datas. Todo o material achegado pola cidadanía será entregado a entidades sociais do municipio para reforzar o seu labor asistencial.
A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, destacou a relevancia desta iniciativa ao sinalar que “o Nadal é un momento no que debemos lembrar a importancia de coidarnos uns aos outros. Actividades como esta fortalecen o compromiso comunitario e permiten que toda a veciñanza poida poñer o seu gran de area”. Agradeceu tamén a implicación da cidadanía e o impulso da UNED na organización de propostas con contido educativo e solidario.
Para obter máis información ou formalizar inscricións, as persoas interesadas poden contactar coa Aula Universitaria da UNED de Foz a través das canles habituais, consultando a páxina web oficial (www.uned.es), escribindo ao correo foz@lugo.uned.es ou chamando aos teléfonos 982.133.699 e 604.034.549.