A Uned de Foz programa charlas, presentacións e unha ruta interpretativa en maio
A Aula Universitaria da UNED en Foz programa para maio cinco charlas, dúas presentacións de libros e unha ruta interpretativa. O xoves 9 de maio levarase a cabo unha charla informativa sobre Mentalización e sensibilización da saúde mental, a cargo da Asociación Saúde Mental A Mariña. “Vai dirixida a todos os públicos e especialmente ás familias do alumnado do IES de Foz, institución colaboradora na organización da conferencia e que albergará a actividade no seu salón de actos en horario de 18:30 a 20:00 horas”, especifican a concelleira da Aula Universitaria da UNED en Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, especifican.
Ten como obxectivo primordial mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e a das súas familias, minimizando o estigma que supón padecer unha enfermidade mental, así como abordar as adiccións como un factor de risco claro no inicio e agravamento das mesmas. Ademais, do 13 ao 16 de maio terá lugar un ciclo de catro charlas informativas baixo o título Muller. Falamos claro, realizadas por catro profesionais: unha matrona, unha nutricionista, unha fisioterapeuta e unha psicóloga.
Ten como obxectivo falar abertamente do corpo da muller e as cuestións relativas aos ámbitos directamente relacionados co xénero feminino. Desenvolverase de luns a xoves de 18.00 a 20.30 horas na aula universitaria. O venres 10 de maio a focega Natalia Alonso presentará o seu segundo libro, Advertencias para un traxecto boreal, galardoado co Premio de Poesía Filomena Dato 2022. Será ás 20.30 horas na Biblioteca Municipal Salgado Toimil.
Presentacións literarias
“Esta actividade inaugura unha colaboración entre as dúas entidades, a UNED e a Biblioteca Municipal, que a partires de agora van realizar as presentacións de libros de forma conxunta e colaborativa”, comenta Muiña, coordinadora da Aula. Elena Martínez, concelleira da mesma, engade que sería interesante albergar as diferentes actividades deste tipo nas instalacións da casa da cultura, tanto no Salón de Actos como na Biblioteca Municipal. “Tanto é así que repetirán sesión uns días despois servindo de altofalante nesta ocasión a Rosalía GT, autora ribadense que nos trae consigo Unha pedra no zapato, un libro de autocoñecemento e reflexión, feminista e en galego. Terá lugar tamén na biblioteca, o mércores 15 de maio ás 19.30 horas”.
Muiña invita aos autores e autoras a dirixirse á Aula Universitaria da UNED de Foz en caso de querer presentar as súas obras. Por último, conxúgase natureza e aprendizaxe cunha ruta interpretativa e guiada pola zona da ría de Foz, de 3 quilómetros de distancia e de dificultade baixa para o día 27 de maio, con saída ás 18.00 horas da UNED. “Trátase de percorrer unha zona que xa coñecemos, pero descubrimento”, explica a concelleira da Aula, que aproveita para “invitar a todas e todos a participar, xa que é unha actividade gratuíta, doada e moi interesante”.
O responsable que vai guiar a ruta será Pedro Rolle, veciño do Valadouro e axente de medio ambiente. “É a persoa máis axeitada para guiar esta experiencia, conta cunha ampla experiencia como guía e é un especialista na flora da nosa zona”, subliña Muiña. A maior parte destas actividades poden realizarse de maneira presencial e online, en directo e en diferido. Para obter máis información pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou por correo electrónico foz@lugo.uned.es.