A UNED de Foz presenta unha completa programación formativa para o mes de febreiro

Foz
AMariñaXa
Cursos para opositores, idiomas, medio ambiente e benestar persoal conforman a oferta da Aula Universitaria
UNED-de-Foz-placa-calle
28 Jan 2026

A Aula Universitaria da UNED de Foz vén de dar a coñecer a súa programación formativa para o mes de febreiro, cunha proposta ampla e diversa dirixida tanto a opositores e estudantes como ao público en xeral. A oferta combina formación xurídica, aprendizaxe de idiomas, contidos ambientais e actividades orientadas ao coidado persoal, maioritariamente en modalidade en liña.

Entre as accións máis destacadas atópase o curso para opositores centrado nas nocións fundamentais da Constitución Española de 1978 e da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. A formación será impartida pola avogada e formadora Inés García Balseiro e desenvolverase entre o 9 e o 12 de febreiro, cunha duración total de 30 horas.

No ámbito lingüístico, a Aula Universitaria ofertará un Curso de Inglés nivel A2, a cargo de Leticia Veiga Lestegás, profesora e colaboradora habitual da UNED de Foz. A actividade terá unha duración de 30 horas en formato online e prolongarase desde o 9 de febreiro ata o 18 de maio, en horario de tarde, de 19:30 a 20:30 horas.

A programación complétase cunha proposta de carácter ambiental, o Curso de Avaliación do Impacto Ambiental: Normativa, Metodoloxía e Casos Prácticos, impartido polo ambientólogo José Pérez Vázquez. Esta formación, tamén en liña, desenvolverase do 10 de febreiro ao 12 de marzo e contará cun total de 38 horas lectivas.

Para pechar o mes, a UNED de Foz ofrecerá o curso Corpo en Calma: Movemento para Equilibrar o teu Sistema Nervioso, conducido pola psicóloga Alba Burundarena. Esta actividade, de 10 horas de duración, impartirase en modalidade online os días 23, 24, 25 e 26 de febreiro.

A coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muíña, salientou que esta programación “responde á vontade de ofrecer unha formación diversa e de calidade, adaptada ás necesidades actuais da poboación, tanto no eido profesional como persoal”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación de Foz, Elena Martínez Pena, puxo en valor “a colaboración entre o Concello e a UNED para achegar formación universitaria e especializada á veciñanza, contribuíndo ao desenvolvemento educativo e social do municipio”.

Desde a Aula Universitaria lembran tamén que o segundo período de matrícula para os estudos universitarios da UNED no curso 2025/2026 permanecerá aberto do 2 de febreiro ao 11 de marzo. As persoas interesadas poden realizar os trámites a través da páxina web da UNED, de maneira presencial na aula de Foz ou mediante atención telefónica e correo electrónico.

⚙ Configurar cookies
0.076078176498413