A UNED de Foz presenta a súa programación de marzo con cursos e actividades culturais

A Aula Universitaria da UNED en Foz lanza a súa programación de actividades para o mes de marzo cunha variada oferta formativa que abrangue desde a ilustración ata a sustentabilidade, pasando polo estudo da Constitución, o benestar persoal e unha presentación sobre a flora local.
A primeira das actividades será o curso de iniciación á ilustración, que comezará o 6 de marzo e impartirase os xoves de 16:30 a 19:00 horas. O mesmo día dará comezo o curso de introdución á sustentabilidade e á economía circular, que se desenvolverá tamén os xoves, de 17:00 a 19:30 horas. “A oferta formativa da UNED de Foz abrangue un amplo abano de temáticas e públicos, desde persoas cunha especialización concreta ata aquelas que simplemente queren explorar novos coñecementos sen límite de idade”, destaca a concelleira Elena Martínez.
O 10 de marzo arrancará o curso para opositores sobre a Constitución Española de 1978 e a Lei 39/2015, que se prolongará ata o 17 de marzo en horario de 16:00 a 20:00 horas. Esta formación está orientada a persoas que preparan oposicións e desexan reforzar os seus coñecementos en lexislación básica.
O 24 de marzo iniciarase o curso sobre o estrés permanente, impartido pola psicóloga Alba Burundarena, que analizará o impacto do esgotamento na vida cotiá e dotará aos participantes de ferramentas para xestionalo. Desenvolverase os luns, de 15:30 a 20:30 horas.
Ademais, a programación de marzo inclúe unha actividade cultural o martes 11, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura Salgado Toimil de Foz. Trátase da presentación do caderno Flores de primavera de O Valadouro, coa participación do autor, Pedro Rolle, e do fotógrafo Carlos Cornide.
“As actividades de extensión universitaria da UNED en Foz buscan ser un recurso accesible e de calidade para toda a comunidade. Convidamos á cidadanía a participar e lembramos que o período de matrícula para este segundo semestre segue aberto”, explica Marta Muiña, coordinadora da Aula Universitaria.
Para máis información e inscricións, as persoas interesadas poden contactar coa Aula Universitaria da UNED en Foz a través das súas canles habituais ou consultar a web oficial da UNED (www.uned.es). Tamén poden escribir ao correo foz@lugo.uned.es ou chamar aos teléfonos 982 133 699 ou 604 034 549.