A UNED de Foz organiza un roteiro gratuíto para descubrir as aves invernantes da comarca

Foz
AMariñaXa
A actividade celebrarase o 14 de xaneiro e permitirá coñecer a biodiversidade local da man dun especialista
Imaxe dunha aula da UNED de Foz
31 Dec 2025

A Aula Universitaria da UNED de Foz ten programado para o vindeiro 14 de xaneiro de 2026, ás 16.00 horas, o Roteiro Interpretativo Aves Invernantes, unha proposta divulgativa aberta a toda a cidadanía e de carácter totalmente gratuíto. A iniciativa busca achegar o coñecemento científico ao público xeral a través dunha experiencia práctica en contacto directo coa natureza.

O percorrido estará conducido por Pedro Rolle, especialista en biodiversidade, que guiará ás persoas participantes nun itinerario interpretativo polo entorno natural da vila. O punto de encontro establecerase na entrada de Foz, desde onde o grupo se desprazará cara á zona de Vilaxoane, un espazo especialmente axeitado para a observación de aves durante os meses de inverno.

Desde a Aula Universitaria explican que se trata dun roteiro de baixa dificultade, cun trazado aproximado de tres quilómetros e unha duración estimada de dúas horas. O obxectivo principal da actividade céntrase na observación e identificación das especies de aves invernantes que chegan á comarca procedentes do norte de Europa e permanecen nela durante a estación fría. Ao mesmo tempo, preténdese fomentar a sensibilización ambiental e poñer en valor a biodiversidade local.

A coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muiña, destaca que esta proposta “supón unha excelente ocasión para achegar o coñecemento científico á poboación mediante actividades divulgativas que fortalecen a relación da cidadanía co seu entorno natural”.

Pola súa banda, a concelleira responsable da Aula, Elena Martínez Pena, sinala que o roteiro “representa unha oportunidade singular para aprender sobre as especies que nos acompañan no inverno, ao tempo que se amplía a oferta formativa e cultural do municipio”. Engade tamén que este tipo de iniciativas “favorecen o contacto interxeracional coa natureza e promoven unha maneira respectuosa e educativa de gozar do medio”.

Desde a organización fan un chamamento á veciñanza e ás persoas visitantes para que participen nesta actividade ao aire libre, definida como “unha experiencia de aprendizaxe que permite coñecer de preto o comportamento das aves durante a época invernal”.

As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a súa inscrición a través das canles habituais da Aula Universitaria da UNED de Foz, consultando a súa páxina web oficial ou mediante o correo electrónico foz@lugo.uned.es
e os teléfonos 982 133 699 e 604 034 549.

⚙ Configurar cookies
0.067496061325073