A Uned de Foz ofrece cursos de psicoloxía, de francés e de primeiros auxilios en outubro
A concelleira da Aula Universitaria da UNED de Foz, Elena Martínez Pena, e a coordinadora da mesma, Marta Muiña Rodríguez, presentaron a programación formativa para o mes de outubro, dando comezo ao novo curso académico. Entre as actividades destacadas atópanse un curso de psicoloxía, un de francés básico, formación en primeiros auxilios pediátricos e unha xornada de limpeza voluntaria na praia da Rapadoira.
A oferta formativa comeza cun curso de psicoloxía titulado "Querida esixencia: de neno bo a adulto perfecto", impartido pola psicóloga focense Alba Burundarena, quen conta cunha ampla experiencia en formacións similares. O curso será exclusivamente online e celebrarase todos os mércores de outubro. Muiña resaltou que a psicóloga "sempre deseña formacións moi demandadas e exitosas" na Aula.
Tamén se ofrece o curso de Francés Básico (nivel A2), que chega á súa terceira edición. As clases serán presenciais, os mércores de 17 a 20 horas. A concelleira Martínez Pena subliñou que "contar con formacións demandadas pola veciñanza é fundamental, e cando as propostas funcionan, debemos seguir ofrecéndoas". Esta formación xa consolidada busca satisfacer as necesidades de aprendizaxe de idiomas da comunidade local.
Outra actividade destacada é o curso de Primeiros Auxilios Pediátricos, impartido polo enfermeiro e docente Camilo Vázquez, quen ten ampla experiencia no ámbito das emerxencias. Desenvolverase do 8 ao 29 de outubro, os martes de 17 a 20 horas. Esta formación combina coñecementos teóricos e prácticos, e conta con material especializado que permite unha aprendizaxe motivadora e participativa para o alumnado.
Ademais dos cursos, o 28 de outubro está programada unha xornada de limpeza simultánea de praias, organizada por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). Esta actividade de voluntariado ambiental ten como obxectivo concienciar á sociedade sobre a contaminación mariña. A coordinadora Marta Muíña explicou que "queremos traballar pola divulgación ambiental e continuar coa pegada do proxecto #LugoNaturalmente". A concelleira engadiu que se convida a participar a centros de ensino, concellos do litoral e a persoas particulares. Para obter máis información sobre calquera delas pódese contactar coa Aula Universitaria de Foz no teléfono 982 133 699, no WhatsApp 604 034 549 ou no correo electrónico foz@lugo.uned.es.