A UNED de Foz impulsa en marzo unha programación centrada na saúde, a educación e a creatividade

A Aula Universitaria da UNED de Foz presentou a súa programación formativa para o mes de marzo de 2026, unha proposta aberta ao público xeral que combina saúde, educación, benestar persoal e iniciativas de lecer con contido divulgativo. A oferta estrutúrase en catro cursos presenciais, unha actividade ao aire libre e un obradoiro dirixido a crianzas.
A coordinadora da Aula, Marta Muíña, explicou que “esta nova oferta responde ás demandas actuais da cidadanía, apostando por unha formación práctica, útil e impartida por profesionais de recoñecido prestixio nos seus respectivos ámbitos”. Segundo indicou, o obxectivo é facilitar aprendizaxes aplicables á vida cotiá e favorecer a actualización de coñecementos en áreas de interese social.
O primeiro curso será “Planificación nutricional para persoas con pouco tempo: organización semanal paso a paso”, impartido pola dietista e nutricionista Saray Río. Cunha duración de 10 horas, a formación está orientada a quen desexe mellorar os seus hábitos alimentarios de maneira organizada e realista.
No ámbito educativo desenvolverase “Acompañando a dislexia: guía para familias e educadores”, a cargo da psicóloga e neuropsicóloga clínica Alicia Lage. Ao longo de 10 horas abordaranse estratexias prácticas de apoio e comprensión da dislexia. Nunha das sesións intervirán, a través de canle online, dous membros do equipo de Change Dyslexia. A concelleira de Educación, Elena Martínez Pena, subliñou que “é fundamental dar apoio tanto ás familias como aos centros educativos para favorecer unha educación máis inclusiva e adaptada ás necesidades reais do alumnado”.
A programación inclúe tamén “Primeiros auxilios e coñecementos do DEA en adultos”, impartido por Camilo José Vázquez, especialista en urxencias e emerxencias sanitarias. Durante 12 horas ofreceranse nocións básicas para actuar ante situacións críticas e empregar correctamente o desfibrilador externo automático.
Complétase a oferta co curso “Uso de Silhouette e Canva aplicado ao deseño de eventos”, de 25 horas, da man de Carmen Mira, directora de Imaxinatia, pensado para iniciarse no deseño dixital e na creación de elementos decorativos.
O 23 de marzo celebrarase un roteiro interpretativo sobre as cancións de amor das aves, guiado por Pedro Rolle, con saída desde a Igrexa de San Acisclo ás 16:00 horas. O día 31 terá lugar un obradoiro de manualidades de Semana Santa en inglés para crianzas de 5 a 9 anos, impartido por Leticia Veiga.
Muíña concluíu que “seguimos traballando para achegar formación de calidade ao noso territorio e ampliar as oportunidades de aprendizaxe ao longo da vida”. O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 11 de marzo e pode formalizarse a través das canles habituais da UNED ou na propia Aula.