A UNED de Foz comezará 2025 con dúas actividades propostas

Foz
AMariñaXa
Combinarán ciencia e cultura, dirixidas ao público xeral e tamén á comunidade educativa
211224-PRESENTACIÓN-ACTIVIDADES-AULA-UNIVERSITARIA-DA-UNED-DE-FOZ-PARA-XANEIRO
23 Dec 2024

O 2025 comeza na Aula Universitaria da UNED de Foz con dúas actividades destacadas que combinan ciencia e cultura, dirixidas tanto ao público xeral como á comunidade educativa. A programación inclúe unha charla médica sobre neuropsiquiatría e un encontro informal para practicar inglés.

A coordinadora da Aula Universitaria da UNED de Foz, Marta Muíña, fai fincapé na importancia destas actividades para achegar o coñecemento á cidadanía: “Queremos ofrecer á nosa comunidade propostas que sexan útiles, enriquecedoras e accesibles. Con estas iniciativas, buscamos fomentar tanto o coñecemento científico como o intercambio cultural, sempre dentro dun ambiente participativo.”

A primeira cita terá lugar o día 14 de xaneiro e trátase dun Café Conversa en inglés, unha actividade dirixida a persoas cun nivel intermedio ou avanzado no idioma. Este encontro informal permitirá aos participantes mellorar a súa fluidez en inglés mentres conversan sobre temas de interese común. Sobre esta iniciativa Muiña engade: “O Café Conversa está pensado para aquelas persoas que queren practicar inglés dun xeito ameno e relaxado, rompendo coas dinámicas tradicionais das aulas. É unha actividade aberta, inclusiva e perfecta para mellorar as competencias lingüísticas.” Este encontro terá lugar na Aula Universitaria ás 18.30 horas.

A segunda proposta é para o 17 de xaneiro, cunha conferencia titulada 'Estimulación cerebral non invasiva en neuropsiquiatría. Presentación dun caso'. Será impartida por dous destacados profesionais na materia: o doutor Alejandro Fuertes, psiquiatra, e Alicia Lage, psicóloga e directora da clínica Sinapsis. Durante a charla exporanse os fundamentos desta técnica, as súas aplicacións prácticas e a experiencia directa cos pacientes. Levarase a cabo no salón de actos do IES de Foz ás 17 horas.

A concelleira da Aula, Elena Martínez, anima á cidadanía a participar nesta actividade: “É unha oportunidade única para coñecer de primeira man os avances en neuropsiquiatría e como estas técnicas innovadoras poden mellorar a saúde mental. Desde o Concello seguimos apostando por achegar á veciñanza os coñecementos do ámbito da saúde, e pensamos que esta é unha oportunidades moi valiosa para coñecer unha técnica novidosa e sumamente interesante para o tratamento de distintas doenzas.”

Ambas actividades son gratuítas e celebraranse nas instalacións da Aula Universitaria da UNED de Foz. É importante inscribirse previamente. Para realizar a inscrición ou obter máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo foz@lugo.uned.es ou dos teléfonos 982 133 699 ou 604 034 549.

 

0.17580914497375