A UNED de Foz clausura o curso cun paseo educativo sobre flora silvestre

Foz
AMariñaXa
A actividade, aberta a toda a cidadanía, terá lugar o 15 de maio e estará guiada polo experto Pedro Rolle
Imaxe dunha aula da UNED de Foz
29 Apr 2025

A Aula Universitaria da UNED de Foz porá o ramo ao seu curso académico cunha proposta formativa en contacto coa natureza: unha ruta interpretativa centrada nas plantas silvestres da primavera. A cita será o mércores 15 de maio ás 17:00 horas, con saída desde a Igrexa de San Acisclo, e contará coa guía de Pedro Rolle, natural do Valadouro e recoñecido especialista en biodiversidade.

Durante o percorrido, que terá unha dificultade baixa e unha lonxitude de aproximadamente dous quilómetros, Rolle compartirá coas persoas participantes os seus coñecementos sobre as especies vexetais propias desta estación. A ruta, inspirada no seu caderno Flores de primavera do Valadouro —presentado recentemente na Casa da Cultura—, permitirá identificar plantas, coñecer as súas propiedades e descubrir o seu valor ecolóxico e medicinal.

“A intención é ofrecer unha experiencia didáctica ao aire libre, combinando aprendizaxe e disfrute do entorno natural”, explica Marta Muíña, coordinadora da Aula Universitaria. A actividade está dirixida tanto ao alumnado da UNED como ao público en xeral, e será totalmente gratuíta.

A proposta repite o formato xa empregado con éxito ao final do curso pasado e insírese nun programa formativo que inclúe tamén obradoiros sobre plantas medicinais impartidos polo mesmo Rolle. “É unha excelente ocasión para achegarse á natureza e coñecer mellor a nosa contorna”, sinala Elena Martínez Pena, concelleira responsable da Aula.

Desde a organización fan un balance moi positivo deste curso académico, no que se mobilizaron máis de 1.600 estudantes de diferentes puntos de España e doutros países. “Foi un ano especialmente intenso e satisfactorio”, apunta Muíña. “A alta participación e o interese xerado entre a veciñanza son para nós motivo de orgullo”, engade Martínez Pena.

Ademais das rutas interpretativas, a programación da aula incluíu conferencias, cursos, cafés-conversas en inglés e actividades infantís nas que se combinou xogo e aprendizaxe de linguas. Ao longo do curso, a UNED de Foz contou coa implicación de numerosos especialistas que colaboraron en diferentes eventos culturais e educativos.

A coordinadora da aula quixo agradecer o apoio das persoas colaboradoras, así como do Concello de Foz e das concellarías de Educación e Cultura, que fixeron posible esta ampla oferta formativa. “O traballo conxunto entre institucións é clave para garantir unha programación diversa e accesible”, subliñou Martínez Pena.

Con esta derradeira actividade do curso, a Aula Universitaria da UNED de Foz reafírmase como un espazo de aprendizaxe aberto e dinámico. As persoas interesadas en participar na ruta poden obter máis información ou formalizar a inscrición a través da páxina web da UNED (www.uned.es), do correo foz@lugo.uned.es ou dos teléfonos 982 133 699 e 604 034 549.

⚙ Configurar cookies
0.17843389511108