O mercado de Nadal de Viveiro, A Trastenda de Nicomedes, comeza o martes
O Concello de Viveiro acolleu a presentación do mercado de Nadal ‘A Trastenda de Nicomedes’ que dende este martes, día 20 de decembro, ata o mércores 4 de xaneiro estará instalado na Sala Multiusos da Casa do Concello.
A alcaldesa María Loureiro e Paula Díaz Mejuto, artesana e membro da Asociación Proa, foron as encargadas de detallar as novidades da edición deste ano de ‘A Trastenda de Nicomedes’ que abrirá as súas portas ás 17:00 horas do martes coa actuación de ‘Hortensio, o home orquestra’.
Esta iniciativa, organizada pola Asociación Proa en colaboración co Concello de Viveiro no marco do seu programa de Nadal, terá un horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas excepto os días 24 e 31 que pechará ás 20:00. Nos festivos do 25 de decembro e 1 de xaneiro o seu horario será de 18:00 a 20:00 horas.
“Un ano máis presentamos o noso mercado de Nadal como unha actividade coa que poder achegarse á artesanía e ó comercio da nosa contorna sendo ademais un atractivo para os visitantes que se acercan ata Viveiro nestas datas de Nadal”, subliña María Loureiro, alcaldesa de Viveiro.
Nesta edición participan un total de 17 artesáns e artesás. Concretamente, estarán presentes: Licores Os Maios, Denais, Lilliput Way Of Life, Latexo, Salsagaucha, Paula dimé, Augas Santas Cervexeiros da Mariña, Miña Rula, Aspanane, Conloquetengo, David Catá, Taller de Artes Comeluz, DKastro/Sapo Chosco, Taxus, La Madrina de Candela e Sol Rujas.
Ademais a Asociación Proa, organizadora do Mercado de Nadal ‘A Trastenda de Nicomedes’, continúa outro ano máis apostando pola inclusión laboral de todas as persoas polo que convidaron a participar á Asociación Saúde Mental A Mariña, a que lle dá desta forma á benvida a Viveiro.