A tirolina das minas da Pontenova foi galardoada na décimo cuarta edición dos Premios ao desenvolvemento rural
A tirolina das minas e polo tanto o concello da Pontenova, foron galardoadas na décimo cuarta edición dos Premios ao desenvolvemento rural na categoría de Turismo. O seu rexedor, Darío Campos, e Celtia Traviesas Méndez, promotora da iniciativa de Xesteco Consultoría, recibiron o galardón en nome da veciñanza.
Así nesta categoría de Turismo o premio recaeu na iniciativa pontenovesa de Xesteco Consultoría, e o conselleiro do Medio Rural, José González, destacou que “poñer en marcha actividades” coma esta “é fundamental para dinamizar a economía rural”.
"Hoxe gañamos o premio e recollémolo xuntos porque creo que, por riba de calquera dificultade, logramos unha colaboración público-privada exemplar en muitos sentidos", dixo Traviesas.
"Este premio non sería posible sen a aposta institucional, neste caso por parte do Concello da Pontenova e de Darío especialmente, por traer unha infraestrutura de turismo activo á Pontenova", sinalou Celtia, "non tería sido o éxito que foi sen a ilusión e o apoio dos veciños, e pola parte da iniciativa empresarial". Ao que Traviesas engadiu "teño moito que agradecerlle aos compañeiros de traballo que fixeron e fan posible esta aventura e que tamén son amigos".
González acompañado da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, indicaron que estes galardóns son unha proba fidedigna da vontade por continuar evolucionando, con “máis dun cento de galardóns outorgados” ás mellores iniciativas de desenvolvemento rural de Galicia ao longo dos anos que se levan celebrando estes premios. Ademais, puxo de relevo non só a cantidade de propostas presentadas, que superan o medio cento, senón tamén a calidade das mesmas, pois “cada unha delas amosa a importancia que ten para as galegas e galegos avanzar por e para o noso rural”.