A terceira andaina de A Mariña en Ruta percorrerá Burela o vindeiro sábado

AMariñaXa
A terceira andaina deste outono de A Mariña en Ruta percorrerá Burela o vindeiro sábado, día 16. Xa estivo en Trabada
ruta trabada a marina en ruta
12 Out 2021

 A terceira andaina deste outono de A Mariña en Ruta percorrerá Burela o vindeiro sábado, día 16. A ruta polo porto de Burela permitiralles aos asistentes viaxar no tempo ata a orixe prehistórica desta vila, que co paso dos séculos converteuse nun dos principais portos do Cantábrico. A bordo do barco museo Reina del Carmen coñecerán a pesca tradicional do bonito, un dos produtos gastronómicos mellor valorados en Galicia, así como as labores diarias dos mariñeiros durante as costeiras. Oficios como as redeiras e instalacións como os estaleiros e a lonxa son testemuñas vivas do carácter mariñeiro de Burela, un pobo cunha xeografía marcada pola rasa cantábrica e unha paisaxe esculpida con formación xeolóxicas tan singulares como a chamada Igrexa de Coedo. A ruta por Burela será guiada por Lidia de la Fuente. As prazas ofertadas son 25, e aínda quedan prazas libres, segundo informan desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense.

O pasado sábado, día 9, Trabada foi a protagonista da segunda andaina de A Mariña e Ruta, que completou as 25 prazas ofertadas. Os asistentes fixeron a Ruta da Fraga da Becerreira (PR-G 81, homologada pola Federación Galega de Montañismo que preserva as formacións vexetais do bosque húmido atlántico en moi bo estado, e que durante un percorrido de 6 quilómetros serviulle ao guía Boris Vilar para amosar e dar a coñecer mellor toda a biodiversidade e beleza paisaxística que alberga a natureza da localidade de Trabada, situada na Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Ao remate da ruta os participantes coñeceron de primeira man o recen inaugurado Museo Etnográfico José Rocha e todos aqueles utensilios esenciais para a vida no rural así como moitos aspectos do estilo de vida de antano. Foi unha mostra de que Trabada ofrece grandes oportunidades a nivel natural e cultural, mantendo unha forte pegada que se fai patente aínda na actualidade do estilo de vida tradicional do rural galego.

A Mariña en Ruta está organizada pola Mancomunidade de Concellos, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, para axudar á dinamización da comarca no outono. A Pontenova o 23 e Riotorto o 30 deste mes serán os vindeiros destinos de A Mariña en Ruta. 

0.2001588344574