A sustentabilidade das artes de pesca de Burela chega ao Museo do Pobo Galego da man do IES Monte Castelo

A alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañou esta mañá ao alumnado e profesorado do IES Monte Castelo na inauguración da exposición “A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela”, que abriu ao público no Museo do Pobo Galego.
O proxecto, recoñecido co XIII Premio Didáctico Antonio Fraguas, foi elaborado de maneira interdisciplinar polos departamentos de Xeografía e Historia, Artes, Tecnoloxía, Galego e Francés, coa colaboración do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental. Todo o proceso estivo coordinado por Herminia Pernas Oroza e contou, ademais, coa participación da Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns “A Moncloa”. O Concello apoiou a iniciativa desde o inicio, acollendo unha primeira exhibición na Casa da Cultura de Burela.
A mostra permanecerá un mes exposta en Santiago, e a alcaldesa xa expresou o interese municipal en que a exposición regrese ao municipio para que a veciñanza poida coñecer o traballo desenvolvido polo alumnado.
Carmela López destacou que “para Burela é unha honra que un proxecto nacido da nosa realidade mariñeira acade este nivel de recoñecemento”. Subliñou tamén o “traballo extraordinario” do estudantado, que conseguiu poñer en valor un saber tradicional ligado á identidade mariñeira local.