A subdelegada traslada a Fademur o apoio do Goberno ao sector gandeiro fronte as epidemias

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Isabel Rodríguez informou das novas axudas á Federación de Mulleres Rurais co fin de divulgar esta información entre as explotacións afectadas
reunion-subdelegada-fademur
3 Oct 2024

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo un encontro coa presidenta de Fademur, Verónica Marcos, e varias representantes da Federación de Mulleres Rurais, no que destacou o apoio do Goberno ao sector gandeiro da provincia na súa loita contra as enfermidades que afectan ao gando bovino e que están a ocasionar grandes prexuízos económicos ás granxas. Así, aclarou a orixe da liña de axudas anunciadas e lamentou que, unha vez máis, a Xunta trate de vender como propios uns fondos que son transferidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A subdelegada informou de que o BOE publicou o real decreto aprobado no Consello de Ministros a pasada semana, que recolle as bases reguladoras das axudas de 23 millóns de euros ao sector gandeiro español para compensar os gastos ocasionados pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), financiar o Programa nacional de erradicación da tuberculose bovina e a compra de vacinas contra o serotipo 8 da lingua azul.

No caso de Galicia, as axudas para paliar os danos ocasionados ás explotacións pola EHE ascenden a 2,8 millóns de euros, que representan a metade dos 5,6 millóns anunciados pola Consellería de Medio Rural para as granxas afectadas. A subdelegada reiterou “a importancia de manter unha lealdade institucional e transparencia para remar todas as administracións a favor e en beneficio das gandeiras e gandeiros galegos”.

Nesta mesma liña engadiu que, pese a que a sanidade animal é unha competencia exclusiva das comunidades autónomas, o ministerio que dirixe Luis Planas decidiu reforzar con fondos estatais as axudas ás explotacións gandeiras para mobilizar máis de 30 millóns de euros no conxunto do país.

Finalidade das axudas

As axudas irán destinadas a compensar polas perdas de animais, pola desinsectación das explotacións e polos gastos veterinarios incorridos polo gandeiro para loitar contra esta enfermidade, entre os que se inclúen os desembolsos para a adquisición de vacinas para aqueles gandeiros que decidan voluntariamente utilizala.

Desta forma, o Goberno cumpre co seu compromiso anunciado no Foro Nacional da Gandería Extensiva, celebrado en Toledo en maio, de poñer en marcha un programa nacional de apoio económico aos gandeiros afectados pola EHE, unha enfermidade que chegou a España en 2022 e tivo un importante impacto no gando vacún na maior parte do país desde entón.

Para combatela, o Ministerio de Agricultura comprometeuse tamén a traballar coas empresas farmacéuticas, para poñer ao dispor do sector unha vacina eficaz. O impulso do Goberno permitiu que esta vacina estea dispoñible desde o pasado mes de agosto e se poida utilizar de maneira voluntaria.

0.12794709205627