A subdelegada supervisa en Mondoñedo os traballos arqueolóxicos da necrópole medieval de Combarro
Unha tumba infantil, unha posible zona de ocupación previa ao cemiterio e pezas de cerámica son algúns dos descubrimentos feitos estes días.
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou en Mondoñedo o compromiso do Goberno coa investigación, conservación e posta en valor do patrimonio histórico lucense, cun investimento de 154.000 euros para realizar os traballos arqueolóxicos de escavación da necrópole medieval localizada no lugar de Combarro, na parroquia de San Vicente de Trigás. Ditas actuacións, financiadas con dous axudas do Ministerio de Ciencia e Innovación á Universidade de Santiago de Compostela (USC), están permitindo dende o 1 de agosto que un equipo de expertos e profesionais documenten as condicións e o estilo de vida desta zona da Mariña durante a época medieval.
Isabel Rodríguez desprazouse este martes ata Mondoñedo para coñecer in situ os avances da investigación, acompañada do alcalde do municipio, Manuel Otero; o coordinador do proxecto e profesor en arqueoloxía medieval na USC, José Carlos Sánchez; o arqueólogo municipal, Abel Vigo; e o propietario dos terreos, Miguel Chao, ademais dos especialistas en arqueoloxía, antropoloxía e historia medieval que están a traballar na necrópole.
Neste sentido, a representante do Executivo na provincia subliñou a importancia destas investigacións “para promover o coñecemento e a reflexión sobre a nosa historia como forma de profundar na cultura galega”. Igualmente, salientou o valor desta actuación, cuxo impulso “pon de manifesto a sensibilidade do Goberno pola recuperación de vestixios da historia da provincia de Lugo, neste caso a través dun xacemento que vén deixar constancia da importante presenza e actividade feudal neste territorio”.
O equipo interdisciplinar que desenvolve os traballos presentou á subdelegada o progreso nesta primeira fase do proxecto. A actuación en Combarro permitirá determinar a área da necrópole e documentar parte do conxunto funerario para, en futuras fases do programa, poder coñecer como eran e como se relacionaban estas persoas.
“É unha oportunidade para achegar o patrimonio histórico aos veciños e veciñas de Mondoñedo, para que o valoren, concienciando e sensibilizando, facéndoos partícipes destes estudos arqueolóxicos que afondan nas relacións sociais e económicas da Mariña Central, da que existe un gran descoñecemento sobre esta época” manifestou Isabel Rodríguez. Así mesmo, agradeceu o intenso traballo de investigación realizado pola USC para influír no coñecemento do patrimonio por parte da cidadanía lucense. Nesta liña, desde a Universidade prevense accións divulgativas nos próximos meses para informar sobre os descubrimentos que se están rexistrando.
Os labores arqueolóxicos en Combarro vincúlanse ao proxecto ‘Ecoloxías e economías locais na Alta Idade Media’ (ECOLOC), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e á investigación ‘Arqueoloxía das paisaxes monásticas na Galicia altomedieval’ (ARPAMED) financiado pola Axencia Estatal de Investigación a través da convocatoria do ‘Plan Nacional Xeración de Coñecemento 2020’.
Tumba infantil, cerámica e outros importantes descubrimentos
O conxunto funerario obxecto de estudo é do século IX e atópase nunha zona moi extensa, que se compón de diferentes espazos, centrándose estes días nas sondaxes de tres zonas de análise: o interior da finca, o exterior e a parcela ao carón. O terreo está actualmente cuberto de vexetación que naquel momento non existía, pero a escavación permitiu aflorar dúas tumbas na propiedade de Miguel Chao, unha infantil, en moi bo estado de conservación; e outra dunha persoa adulta, deteriorada polo progresivo paso do tempo. Nestes días iniciarase o proceso de apertura das tumbas para coñecer as condicións que presentan os restos óseos.
Por outra banda, fora do solar os profesionais levaron a cabo dúas sondaxes nas que acharon unha posible zona de ocupación previa ao cemiterio, entre os séculos V e VII, con varias pezas de cerámica. A intervención completarase esta semana para determinar as estancias de dito xacemento. Unha vez finalizado o traballo de campo, todos os restos recuperados levaranse a un laboratorio para ser analizados e documentados.