A subdelegada do Goberno analiza co xefe de Costas os proxectos previstos na Mariña

AMariñaXa
A subdelegada do Goberno analiza co xefe de Costas os proxectos previstos en concellos da Mariña como o sendeiro peonil Peizás Pampillosa
praia barreiros
17 Nov 2022

En Barreiros, o Ministerio para a Transición Ecolóxica recuperará o sistema dunar da praia de San Miguel de Reinante, con 552.000€.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantivo este xoves unha reunión de traballo co xefe provincial do Servizo de Costas, José Miguel Estevan, no que trataron os proxectos previstos polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para concellos da comarca da Mariña.

“Estas obras son para favorecer o mellor aproveitamento dos valiosos recursos naturais cos que contamos na Mariña, para que poidan ser desfrutados con maior comodidade tanto polos veciños e veciñas como polos turistas, sempre mantendo un absoluto respeto polo medio ambiente”, manifestou Isabel Rodríguez que remarcou que “demostramos con feitos a aposta do Goberno pola conservación e mellora da costa da Mariña”.

Entre as principais actuacións que abordaron destacan o proxecto de obtención de espazos para uso público e execución do sendeiro peonil entre as prais de Peizás e A Pampillosa. Trátase da creación de un sendeiro peonil entre as dúas praias nuns terreos que xa foran expropiados con este fin. O Goberno sacou a licitación esta actuación por un orzamento de 1 millón de euros. O proxecto consiste na creación dun sendeiro cunha lonxitude de 1.600 metros e permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro.

Do mesmo xeitos, en Foz o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico ten previsto investir 400.000 euros para diversas melloras na praia de Llás. Ademais, está traballando actualmente en traballos de conservación e mantemento na praia de Pampillosa, cun achega de 80.000€.

Durante o encontro, Rodríguez e Esteban tamén trataron o proxecto de novas melloras na praia de Arealonga en San Miguel de Reinante, no Concello de Barreiros. Estas obras, que están en licitación cun orzamento de 552.000€, consistirán na recuperación do ecosistema da praia de Arealonga. Para iso está prevista a demolición de estruturas e pavimentos no sistema dunar, a erradicación de especies invasoras que supoñen unha importante ameaza, como é o caso da herba da Pampa, a posterior restauración de especies autóctonas e a protección e posta en valor do sistema dunar. Posteriormente, executaranse novos accesos e melloraranse os existentes. Ademais, o proxecto completarase coa adaptación do edificio de servizos existente para persoas con mobilidade reducida.

Respecto das actuacións que se prevén realizar no Concello do Vicedo, a Subdelegada lembrou que Costas recuperará  a servidume de tránsito entre Os Castelos e a praia de Fomento e a execución dun sendeiro litoral. Ademais da creación do sendeiro peonil, esta actuación inclúe a recuperación da antiga fábrica de salazón existente no contorno. Este proxecto ten un orzamento aproximado de 400.000 euros e está en fase de expropiación dos terreos por parte do Concello. Ditos traballos, ao longo duns 400 metros, permitirán rematar a conexión peonil pola costa entre a praia de Fomento e Arealonga.

0.18070602416992