Sae a contratación o paseo marítimo entre Peizás e a Pampillosa, en Foz

Foz
AMariñaXa
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, remarcou o compromiso do Goberno coa comarca da Mariña e con Foz
foz vista ria
22 Xul 2022

Este venres, día 22 de xullo de 2022, saíu publicada no Boletín Oficial do Estado a licitación das obras da nova senda peonil entre as praias de Peizás, en Forxán (San Martiño) e A Pampillosa (Fazouro) por 1,09 millóns de euros (IVE incluído). Segundo establece a Plataforma de Contratación do Sector Público, a presentación de ofertas remata o 5 de setembro deste ano e as obras terán un prazo de execución de 9 meses desde a sinatura do contrato. Licitadas pola Secretaría de Estado de Medio Ambiente, suporán a construción dunha nova senda peonil entre Peizás e A Pampillosa con máis de 1,5 quilómetros de lonxitude e un ancho medio de 2,80 metros, ademais da ampliación da superficie do paseo da Rapadoira nunha lonxitude de 202 metros.

O alcalde, Fran Cajoto, móstrase “moi agradecido pola implicación de todos aqueles que escoitaron as demandas do Concello e posibilitaron avanzar nun proxecto concibido no ano 2007: Servizo de Costas, Subdelegación e Delegación do Goberno e moitos outros actores. Esta gran obra vai resultar un gran impulso para Foz, para o turismo e para os veciños da zona. A gran carta de presentación de Foz é o seu paseo marítimo; con esta actuación vamos conseguir conectar 15 quilómetros continuos de paseos e sendas en plataformas independentes e seguras a carón da costa”.

O rexedor municipal destaca: “estamos a plasmar realidades, feitos. Os proxectos tardan, pero están saíndo. Colaboramos con distintas administracións: grazas á Deputación estamos facendo obras como a Costa do Castro, proximamente Irmandiños e asfaltando e aglomerando viais en parroquias, avanzamos co Goberno do Estado no paseo marítimo e na redacción do proxecto do Terceiro Acceso e Rotondas de Cangas, que agardamos que teñan un impulso, e coa Xunta de Galicia o inicio dunhas obras da depuradora que levan demasiados anos de retraso. Son moitas horas de xestión pero é moi gratificante cando ves os resultados”.

SUBDELEGACIÓN DE GOBERNO.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, remarcou o compromiso do Goberno coa comarca da Mariña, que se pon de manifesto con iniciativas como o desbloqueo do proxecto para crear un sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa no Concello de Foz no que ten previsto investir un millón de euros. 

A subdelegada destacou que o Goberno cumpre con Foz e coa Mariña, non con palabras senón facendo efectivos investimentos que se concretan de xeito oficial, no Boletín Oficial do Estado. Así, anunciou que hoxe mesmo, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico publica no BOE a licitación da adaptación do proxecto de obtención de espazos para uso público e execución dun sendeiro peonil entre as dúas praias.

Isabel Rodríguez explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico vén de sacar a licitación esta actuación con un presuposto de licitación de 1.089.993 euros (IVE incluído) para a execución dun proxecto moi esperado polos veciños de Foz que permitirá aumentar o disfrute dos seus recursos naturais e paisaxísticos.  

Rodríguez lembrou que grazas a este Goberno avánzase nun proxecto para o que xa foran expropiados os terreos hai case unha década e que suporá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa entre as praias do Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro.

A subdelegada sinalou que o proxecto consiste na creación dun sendeiro peonil, con unha lonxitude de 1.600, que dará continuidade ao borde litoral da costa continuando a recuperación do ámbito entre o borde de Pampillosa e Peizás.

0.14254117012024