Intensifican a vixilancia sobre o transporte de pesca ilegal

AMariñaXa
A subdelegada do Goberno anunciou que se vai intensificar nas estradas da provincia a vixilancia para impedir o transporte de pesca ilegal.
control de pesca subdelegada gobierno
26 Feb 2021

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou que a partir da próxima semana vaise intensificar nas estradas da provincia a vixilancia para impedir o transporte de pesca ilegal e coa finalidade de protexer ao sector pesqueiro que cumpre coa normativa e cos cupos establecidos en determinadas especies.

Isabel Rodríguez anunciou esta medida logo dunha xuntanza que mantivo esta mañá, na Subdelegación do Goberno, para establecer as pautas de vixilancia sobre o transporte de pesca ilegal, que se levará a cabo coa coordinación da área de Agricultura e Pesca, o Seprona e a Garda Civil de Tráfico.

Na reunión que presidiu a subdelegada participaron o responsable da área de Agricultura e Pesca da Delegación do Goberno en Galicia, Roberto Suárez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Miguel Ángel González; o xefe do servizo de Pesca Manuel Fontán, e o sarxento do Seprona José Braña.

A vixilancia sobre o transporte, que tamén afectará ao peixe procedente de portos situados fóra da provincia de Lugo, é un dos medios previstos para loitar contra a pesca ilegal, que non é respectuosa co medio ambiente ademais de supoñer unha competencia desleal e un prexuízo para o sector pesqueiro que si cumpre a normativa e o sistema de cotas establecidas polo Ministerio de Agricultura e Pesca en cumprimento dos acordos acadados na Unión Europea.

Está previsto manter un sistema de control semellante ao aplicado en anos anteriores, coa coordinación semanal entre inspectores da Administración Xeral do Estado cos axentes do Seprona e da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o responsable da área de Agricultura e Pesca tamén se reuniu coa Xunta para acordar medidas de control de almacéns conxeladores, contando tamén coa colaboración do Servizo Marítimo da Garda Civil.

0.1514139175415