A Subdelegación recoñece o labor de seis radioafeccionados que colaboran con Protección Civil en emerxencias

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Olimpia López pon en valor en Lugo 40 anos de compromiso coa seguridade cidadá da REMER
radioafeccionados-reconecemento
27 Feb 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu esta mañá na Subdelegación do Goberno o acto de entrega de diplomas a membros da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER) na provincia, nunha xornada de recoñecemento ao seu compromiso e colaboración altruísta co sistema de Protección Civil.

Durante a súa intervención, a subdelegada puxo en valor “o compromiso, a responsabilidade e a xenerosidade” das persoas integrantes da REMER e subliñou que “esta entrega de diplomas é un agradecemento e recoñecemento a traxectorias de servizo público sostidas no tempo”.

No acto, entregáronse estas distincións a Emérito Guerrero e José A. Parga por 40 anos de servizo (ingreso en 1985); Carlos García e Ángel Sendín por 35 anos (ingreso en 1990); José Romero e Manuel Vázquez por 30 anos (ingreso en 1995) e Antonio R. Saldaña por 4 anos de colaboración (ingreso en 2021).

Olimpia López destacou que os radioafeccionados “son unha peza fundamental cando se producen situacións de emerxencia, cando fallan os sistemas habituais e a comunicación é máis necesaria ca nunca”, lembrando que a súa colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil garante “que a información chegue, unha cuestión esencial”.

A subdelegada incidiu tamén no carácter discreto pero esencial do seu labor, afirmando que “é un traballo silencioso, moitas veces pouco visible, pero absolutamente clave para a seguridade cidadá”.

Durante o acto, López sinalou que vivimos tempos nos que a capacidade de resposta ante crises e situacións imprevistas require estruturas sólidas e persoas comprometidas. “A REMER forma parte desa fortaleza colectiva que nos permite estar preparados ante calquera eventualidade”, afirmou.

Para rematar, a subdelegada trasladou o agradecemento do Goberno ás persoas distinguidas e ao conxunto dos membros da rede na provincia: “Grazas pola vosa dispoñibilidade, polo voso compromiso e por estar sempre preparados”.

Unha rede nacional ao servizo das emerxencias

A Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER), dependente do Ministerio do Interior a través da Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias, ten como finalidade complementar os sistemas ordinarios de comunicación en caso de emerxencia, catástrofe ou situacións nas que as telecomunicacións convencionais non estean operativas.

Está integrada por persoas radioafeccionadas que colaboran de maneira voluntaria e altruísta co sistema público de Protección Civil, garantindo as transmisións cando as circunstancias o requiren.

0.11561012268066