A Subdelegación informou sobre a cota de xarda para os barcos da Mariña
A subdelegada destaca que a flota de artes distintas ao arrastre e o cerco con porto base na provincia de Lugo ten unha cota inicial de xarda de 645.235 kg.
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informou de que a Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou no Boletín Oficial do Estado a resolución pola que se determinan os barcos da Mariña autorizados á pesca da xarda e a distribución das capturas que lles corresponden este ano. A subdelegada anunciou que a cota inicial provisional de xarda que lles corresponde neste ano é de 645.235 kg.
A resolución da Secretaría Xeral de Pesca establece disposicións adicionais de ordenación da peixería da xarda das zonas 8c e 9a para os buques da flota de outras artes distintas as do arrastre e do cerco con porto base na provincia de Lugo. Nela establécense os barcos e o tope de capturas que lle corresponden neste ano e, logo de consultar co sector, fixouse o día 21 de febreiro como data de comezo da campaña.
Desa cantidade, resérvanse 612.973,25 kg para os barcos que, realizando as súas capturas con liñas de man e/ou cordel, conten con topes de capturas de kilos (pesca dirixida). O BOE publica hoxe o listado deses 47 barcos e as cotas que lles corresponden. A fixación das cantidade de captura realízase tendo en conta o número de tripulantes medio no ano 2021 estando con porto base na provincia de Lugo, con un máximo de 7 tripulantes. Para as embarcacións que non teñen o ano natural completo con porto base na provincia compútase o perído de alta no Instituto Social da Mariña no ano 2021 que se divide entre os doce meses do ano.
Estes topes serán para todo o ano, ata o 31 de decembro, e non xerarán dereitos históricos para ningún dos pesqueiros. Cada un dos barcos que figuran no listado deberá consumir polo menos o 80% dos kilos que ten asignados para poder ser incluídos no listado do ano 2023. En ningún caso se poderán facer cesións de quilos entre barcos.
Tamén se reservan outros 32.261,75 kg para aqueles barcos que pesquen usando redes de enmalle, barcos de artes menores que usen aparellos de anzol distintos das liñas de mano e/ou cordel e barcos da modalidade de palangre de fondo, volanta e rasco que non están no listado do anexo. Esta reserva distribúese do seguinte xeito: 500 kg por tripulante enrolado e abordo con un tope de 3.000 kg á semana por embarcación. Tamén neste caso a asignación será para todo o ano ata o 31 de decembro.