A Sociedade Pesca Amigos do Ouro, un compromiso coa natureza e coa pesca sustentable

Por Ana Somoza
Fundada no ano 2002 en Ferreira do Valadouro, a Sociedade Pesca Amigos do Ouro naceu coa intención de organizar mellor a actividade da pesca na zona. “Algúns pescadores locais vimos a necesidade de crear unha entidade que nos permitise realizar concursos, conservar o río e ter un couto de pesca para os socios”, explica un dos membros fundadores.
O proxecto, que comezou como unha pequena iniciativa, medrou co paso dos anos ata contar na actualidade con máis de 60 socios, non só da comarca, senón tamén de lugares tan afastados como A Coruña, Lugo ou mesmo Madrid. A orixe da Sociedade debeuse ao impulso de varios pescadores locais, entre eles Manolo, Roberto, Edmundo e Laureano. “Hoxe en día, algúns destes pioneiros seguen formando parte da directiva”, sinala o actual presidente, Pablo, quen lembra con nostalxia como asistía de pequeno ás primeiras reunións co seu pai. “Eu daquela era un neno, pero xa ía ao río a pescar”, di con orgullo.

MISIÓN.
A Sociedade Pesca Amigos do Ouro ten como obxectivo principal a conservación do río Ouro e a promoción da pesca sustentable. “O noso labor non se limita á pesca, senón que nos preocupamos activamente polo coidado da contorna”, afirma o presidente. Recentemente, organizaron xornadas de limpeza en Alfoz e O Valadouro, nas que se realizaron podas de mantemento e se retiraron árbores caídas que poderían supoñer un risco para o fluxo do río. “Cando o caudal aumenta, estas árbores crean tapóns contra os piares das pontes, provocando problemas serios”, explica. Ademais, recolleron unha gran cantidade de lixo, especialmente plásticos. “A calidade da auga do río Ouro é boa, pero estamos vendo cada vez máis plásticos descompostos en pequenos anacos, e iso dificulta moito a súa recollida”, engade.
Os valores fundamentais da Sociedade son a conservación medioambiental e a divulgación da pesca como deporte. “Sentimos orgullo de contar con nenos entre os nosos socios, porque significa que hai un futuro para a pesca”, sostén o presidente. A súa dedicación á protección do río levou a que a Consellería de Medio Ambiente lles concedese o recoñecemento de Entidade Colaboradora de Pesca Fluvial, o que lles permite xestionar permisos exclusivos para o couto do río Ouro.
ACTIVIDADES.
A Sociedade non só se centra na conservación, senón que organiza eventos para atraer á comunidade. “Nos últimos catro anos puxemos en marcha actividades tanto para socios como para o público en xeral”, explica o presidente. O concurso anual de pesca é un dos eventos máis populares. “Organizámolo en dúas modalidades: lance e mosca, e grazas á colaboración dos comercios locais ofrecemos unha ampla variedade de premios”, destaca. Ademais, a xornada conclúe cunha comida de confraternización entre os participantes.
Outras iniciativas inclúen xornadas técnicas de divulgación sobre a pesca con mosca, nas que se explicaron conceptos de entomoloxía e se realizaron talleres prácticos. “A resposta da xente foi incrible”, asegura. Ademais, organizaron saídas ao campo con biólogos para analizar os macroinvertebrados do río. “A abundancia destas especies é un indicador de que o río está en bo estado”, afirman os expertos. Todas as actividades son anunciadas en redes sociais e mediante carteis nos establecementos locais. “Cada vez temos máis xente interesada en participar”, comentan dende a directiva.

OS RETOS. A conservación do río supón un reto constante. “Hai anos, os propietarios dos campos encargábanse do mantemento das marxes, pero agora, coa falta de xente no rural, moitas fincas quedan abandonadas”, explica o presidente. Isto provoca a acumulación de maleza, dificultando o traballo de limpeza da Sociedade. “Facemos o posible polo mantemento do couto de pesca, que abarca uns 7 km, pero hai moitos tramos que non podemos atender por falta de medios”, lamenta. En canto ao financiamento, a Sociedade funciona grazas ás cotas dos socios, que son bastante baixas. “Somos unha entidade sen ánimo de lucro, polo que temos que organizar as actividades en función do noso orzamento”, afirman. Este ano, grazas á colaboración do Concello de O Valadouro, puideron adquirir ferramentas para a conservación do río. “Estas axudas son fundamentais para o noso labor”, destacan.
APOIO INSTITUCIONAL.
A Sociedade busca máis apoio das administracións locais. “Non pedimos só financiamento, senón que se promova o valor do río, se realicen campañas de concienciación e se soliciten brigadas anuais de limpeza”, propoñen. Tamén agradecen a difusión das súa actividades nos medios de comunicación. “Axuda moito a que cheguemos a máis xente”, din.
O FUTURO.
A Sociedade ten varios proxectos en mente para os próximos anos. “Queremos seguir mellorando o río e fomentar a formación na pesca deportiva”, explica o presidente. Entre as iniciativas futuras inclúense a organización de viaxes de pesca a Castela e León ou Asturias, e a realización de actividades educativas nos colexios de Ferreira e Alfoz. “Queremos ensinar aos nenos como evolucionou a pesca e a importancia da conservación medioambiental”, sostén. Outro proxecto clave é a creación dunha ruta de sendeirismo ao longo do río, especialmente na zona alta, onde se atopan fermosas fervenzas e fragas. “Actualmente hai un percorrido duns 4 km en Alfoz e outro preto da desembocadura, pero gustaríanos ampliar esta rede”, explican. “Sería unha gran colaboración para o turismo e o deporte nestes concellos”, afirman.
COMO CONTACTAR.
As persoas interesadas en formar parte da Sociedade ou en participar nas súa actividades poden contactar a través do correo amigosdoouroap@gmail.com, das redes sociais (Facebook e Instagram) ou no Restaurante O Frenazo, punto de referencia para obter información e permisos de pesca. Con paixón polo río e pola pesca, a Sociedade Pesca Amigos do Ouro segue traballando para garantir un futuro sustentable para este deporte e para a conservación do medio natural.