A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebra a Reunión de Primavera en Ribadeo
Un ano máis a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebra a Reunión de Primavera, que terá lugar en Ribadeo. Desta volta repasarán o "Pasado, presente e futuro do asesoramento agrario" e renderán homenaxe a todas aquelas persoas que dedicaron a súa vida profesional á extinta Extensión Agraria.
A cita, que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, terá lugar os vindeiros 24 e 25 de maio no CFEA Pedro Murias en Ribadeo. Para reservar praza e comida hai que inscribirse neste correo ou nos teléfonos habituais.
A entidade nacional centra esta xornada no “Pasado, presente e futuro do asesoramento rural”, facendo ademais unha homenaxe ao persoal que desenvolveu a súa actividade profesional na Axencia de Extensión Agraria. O deputado Daniel García destacou o apoio da área de Rural “a esta formación que ratifica o compromiso da Vicepresidencia coa Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, coa que vimos colaborando nestes últimos anos co obxectivo de avanzar cara modelos produtivos que aseguren rendas xustas para os gandeiros e gandeiras da provincia, así como para a conservación do territorio”.
O programa analiza o asesoramento rural en Galicia, apoia a labor das técnicas e técnicos das oficinas rurais e das diferentes entidades de aconsellamento, asociacións gandeiras, cooperativas agroalimentarias e sindicato agrario. Tamén se levará a cabo unha formación metodolóxica do asesor. Así como destacar a figura do asesor e asesora rural como eixe motor dos sistemas de coñecemento e innovación agraria.
Na segunda xornada, realizarase unha homenaxe aos extensionistas xubilados, que desenvolveron a súa actividade no servizo de Extensión Agraria. As persoas interesadas en participar deben inscribirse antes do mércores, 22 de maio, nos teléfonos 686 620 154 (Eloi) ou 628 713 263 (Víctor). Isabel Gómez, a súa presidenta, destaca que “desde a Sociedade pensamos que o asesoramento ao sector agrogandeiro ten unha especial relevancia tanto desde as Administracións, como servizo público, como desde o ámbito privado” . Desde a SGPF sinalan que “o asesoramento e información nos momentos actuais, que son de tanta complexidade na viabilidade e sostibilidade nas granxas, cos cambios normativos que estamos a vivir, xunto coa inxente burocratificación dos trámites administrativos, fai que os temas que se van abordar sexan vitais na toma de decisións dos nosos gandeiros e agricultores”.