A situación da sanidade na Mariña enfronta a PP e PSdeG nun intenso debate parlamentario

GaliciaXa | AMariñaXa
Lara Méndez critica o deterioro asistencial tras perder a área sanitaria propia, mentres Encarna Amigo defende que Burela “nunca tivo tantos recursos”
Parlamento-galego-PSOE-Sanidade_AMarina_2025
24 Jun 2025

A situación da sanidade pública na comarca da Mariña volveu centrar un dos debates máis acalorados no último pleno do Parlamento galego. A deputada do PSdeG Lara Méndez reclamou que a comarca recupere a súa área sanitaria propia, suprimida pola Xunta do PP no ano 2017, mentres que a portavoz popular en materia de Sanidade, Encarna Amigo, asegurou que a integración do Hospital da Mariña na área de Lugo serviu para “mellorar os servizos e optimizar recursos”.

Desde as filas socialistas, Lara Méndez denunciou un “deterioro evidente e progresivo” da sanidade pública na Mariña nos últimos anos, cun hospital que, segundo afirmou, “nunca estivo peor que agora”. Aludiu á falta de especialistas, o aumento das listas de espera —que nalgúns casos superan os dez meses— e á desaparición de determinados servizos. “Seguimentos que antes se facían de xeito ambulatorio acaban agora en ingresos ou en derivacións a centros privados”, alertou a parlamentaria.

Méndez tamén criticou a resposta do conselleiro ante as mobilizacións veciñais, acusándoo de “desprezar as protestas cidadás” ao sinalar que estaban “politizadas”. Lembrou que o propio persoal do Hospital da Mariña, así como a veciñanza e os alcaldes da comarca, rexeitaron en 2017 a reforma da Lei de Saúde que supuxo a desaparición da área sanitaria propia, e advertiu de que a centralización en Lugo está a “acentuar as desigualdades” e a “convertir os mariñáns en cidadáns de segunda”.

Pola súa banda, a popular Encarna Amigo defendeu que “o Hospital da Mariña ten hoxe máis servizos, máis prestacións, máis persoal e máis calidade asistencial que nunca”. Atribuíu estes avances á “coordinación e planificación da área sanitaria única” e criticou que se “disfracen de reivindicación sanitaria as estratexias políticas do PSdeG e do BNG”.

Segundo os datos achegados pola deputada do PP, desde 2010 o hospital de Burela incorporou 154 profesionais máis, o que supón un incremento do 28,5%. Tamén asegurou que se está a piques de resolver un concurso que permitirá cubrir 17 novas prazas, das cales cinco xa están asignadas. “Profesionais de Lugo, Monforte e A Coruña desprázanse a Burela para reforzar gardas e consultas”, sinalou.

Amigo destacou ademais melloras laborais como puntuacións adicionais e incentivos para atraer persoal ao hospital burelés, e puxo en valor a remodelación do centro, cun investimento de 20 millóns de euros desde 2018 e outros 30 millóns previstos. “Grazas á Xunta, hoxe temos prazas clave cubertas que doutro xeito seguirían vacantes”, concluíu, lembrando que PSdeG e BNG votaron en contra das medidas que posibilitaron estas melloras.

⚙ Configurar cookies
0.16018795967102