A Senra dá a benvida ao verán coas Festas na honra á Virxe do Carme e San Pedro

A localidade da Senra vivirá unha xornada festiva o vindeiro sábado, 28 de xuño, con motivo das tradicionais Festas na honra á Virxe do Carme e San Pedro, unha cita que marca o inicio da tempada de verán no concello de Cervo. O evento foi presentado pola alcaldesa, Dolores García Caramés; polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias; e por membros da Asociación Cultural e Recreativa O Raxal, entidade encargada da organización.
A programación arrancará ao mediodía, ás 13:00 horas, coa misa solemne dedicada aos santos patróns, que será cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación, terá lugar a tradicional procesión polas rúas da parroquia, acompañada pola música do grupo Fol do Raxal, que porá o ton tradicional á comitiva relixiosa.
A música continuará despois coa sesión vermú, que estará a cargo do grupo Mar de Arousa, encargado tamén de animar a gran verbena da noite. A partir das 22:30 horas, veciños e visitantes poderán desfrutar dunha velada musical que se completará co ritmo da Disco Móbil Conxuro, garantindo festa ata ben entrada a madrugada.
Dende o Concello de Cervo convidan a toda a veciñanza e ás persoas que se acheguen á zona a gozar dunha xornada festiva que mestura devoción, música e convivencia. A alcaldesa, Dolores García Caramés, quixo agradecer o traballo da Asociación O Raxal: “É admirable o esforzo e a ilusión que poñen ano tras ano para facer desta cita un momento especial, que enche A Senra de ledicia e de xente, convertendo a festa nun símbolo do noso verán”.
Con esta celebración, A Senra convértese no primeiro punto de encontro das festas patronais cervenses, inaugurando un calendario estival cheo de tradición e ambiente familiar.