A Semana Santa de Viveiro presenta o seu cartel para 2025 cunha aposta reforzada polo seu crecemento

A Semana Santa de Viveiro deu este sábado o pistoletazo de saída coa presentación do cartel oficial da edición 2025, unha fermosa fotografía de Pepa Losada que recolle a esencia desta celebración recoñecida internacionalmente. O acto, que tivo lugar na Sala Multiusos da Casa Consistorial, contou coa participación de representantes institucionais e da Xunta de Confrarías, organizadora do evento.
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López Moreno, subliñou durante a súa intervención o reforzo do compromiso da Deputación coa Semana Santa de Viveiro, aumentando a súa achega económica de 25.000€ a 30.000€. "É unha aposta clara polo crecemento e consolidación desta festividade, que transcende as fronteiras locais para converterse nun referente cultural e espiritual recoñecido internacionalmente", sinalou.
López Moreno destacou tamén que a Semana Santa de Viveiro "non só é unha tradición dos viveirenses, senón un patrimonio compartido por toda a provincia de Lugo e por milleiros de visitantes que acoden cada ano a vivir esta experiencia única". Engadiu ademais que esta celebración soubo "manter a súa fidelidade ás raíces ao tempo que se reinventa e medra en cada edición".
A Deputada fixo fincapé no modelo de turismo que promove a Deputación, que busca poñer en valor o patrimonio cultural, a historia e o entorno natural de Galicia. "A Semana Santa de Viveiro ofrece a posibilidade de vivir esta tradición en familia, con nenos, maiores e con todas aquelas persoas que desexen mergullarse nesta manifestación de fe, arte e historia", concluíu.
Unha tradición relixiosa recoñecida internacionalmente
Declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2013, a Semana Santa de Viveiro é unha das máis importantes e antigas de Galicia. Os seus pasos procesionais, de gran valor artístico, percorren as rúas da vila evocando momentos clave da Paixón. Entre eles destacan a Última Cea, creada en 1808; o Encontro, que reúne as tallas da Virxe da Dolorosa, San Xoán e a Verónica; o Vía Crucis; ou a Soidade, coñecida tamén como a procesión dos Caladiños, que se celebra o Venres Santo nun impresionante silencio iluminado por centos de candeas.
O Goberno galego reafirmou tamén o seu apoio a esta celebración. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, confirmou que a Axencia de Turismo de Galicia renovará o convenio coa Xunta de Confrarías para financiar a promoción e organización das actividades, incluídas as do programa de difusión cultural Adral. "A Semana Santa de Viveiro destaca polo seu gran valor histórico e artístico, sendo unha das máis fermosas de Galicia", apuntou Arias, lembrando tamén actuacións como a recente restauración da talla do Cristo da Veracruz por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
A Semana Santa de Viveiro avanza así cara á súa edición de 2025 con máis recursos e apoios, consolidándose como un referente ineludible no calendario cultural e relixioso de Galicia.