A Semana Santa de Viveiro continúa acendida
A festa, declarada de Interese Turístico Internacional en 2013, adaptarase de novo á situación sanitaria e formulará novas propostas
Por Claudia López
Se hai unha festividade relixiosa que caracterice Á Mariña en xeral e a Viveiro en particular esa é a Semana Santa. As procesións que percorren as rúas da vila lucense son consideradas referentes a nivel autonómico e destacan tamén entre os pasos do norte do país grazas ao seu valor artístico e emocional. A antigüidade desta celebración católica remontase ao século XIII, o que a convirte nun dos festexos máis antigos e con máis tradición de Galicia. Tanta é a transcendencia da Semana Santa de Viveiro que no 1988 foi recoñecida festa de Interese Turístico Nacional e, no ano 2013, declarouse de Interese Turístico Internacional.
Fai máis de oito séculos ás ordes dos franciscanos e dominicos asentáronse na vila mariñá para divulgar a Paixón de Cristo aos habitantes viveirenses e comezar o camiño destra gran tradición. As asociacións encargadas da organización da Semana Santa son as Confrarías, que foron crecendo e mudando co paso da historia. A Venerable orde Terceira Franciscana e máis a Venerable Confraría del Santísimo Rosario foron as primeiras organizacións responsables dos actos da festividade católica de Viveiro. Séculos despois fóronse sumando máis confrarías para seguir mellorando e enriquecendo os actos da dita conmemoración. En 1944 fundase a Confraría do Santísimo Cristo da Piedade, da que co paso do tempo saíron tres Irmandades: a do Prendemento, a das Sete Palabras e a de mulleres da Santa Cruz. Na actualidade súmanse a confraría da Misericordia e a do Nazareno dos de Fóra na implicación das antigas celebracións.
Tradicionalmente, despois do Pregón da Semana Santa e os Vía Crucis, dábase comezo aos principais actos o Xoves Santo coa procesión da Derradeira Cea. Na media noite acollíase as procesións da Misericordia e do Prendemento. Na seguinte mañá, a do Venres Santo, as rúas de Viveiro enchíanse para percibir o calor da procesión do Encontro, onde fan presencia o Cristo que cae e os pasos da Dolorosa San Juan e a Verónica. A tarde do venres celebrase o Desenclavo e a procesión do Santo Enterro, o paso máis elegante de todos, con portadores con vestiduras negras e altos capuchóns. Á media noite dase lugar a procesión da Paixón, onde participan as confrarías das Sete Palabras e a de Santa Cruz, conformada integramente por mulleres. Á madrugada sae as rúas tamén a procesión da Soidade, coas tallas da Virxe da Soidade, San Xoán e da Verónica.
A SEMANA SANTA NO 2021
Cada ano miles de turistas soen achegarse a Viveiro para poder gozar da celebración das Confrarías, sen embargo, a chegada da Covid no 2020 deixou a moreas de fregueses e turistas sen poder emocionarse un ano mais das recoñecidas procesións dende a rúa. A alternativa proposta pola da Xunta de Confrarías do pasado ano foi emitir pola rede os tradicionais pasos, conseguindo superar as 100.000 visualizacións nas súas redes sociais. Neste novo ano a incerteza segue a ser un factor presente na vida de todos e todas, pero como comenta o presidente da Xunta de Confrarías, José Veiga, “a saúde está por riba de todo” e este 2021 tampouco se levarán a cabo as procesións. “Falamos coa alcaldesa e as saídas á rúa están descartadas, está decidido que non se farán eventos grandes con aglomeracións de xente”, comenta Veiga. “Aínda que estivese permitido non o faríamos, tal e como está a situación non poñeriamos en risco a Viveiro”, engade. Dependendo de como evolucionen a pandemia, poderíanse levar a cabo “algunha exposición ou actos con aforo moi reducido”. Volverase a apostar polo formato en liña “estamos recuperando imaxes que non se emitiron o ano pasado para poder retransmitilas e que a xente siga en contacto coa Semana Santa eses días” e, ademais, intentarase “incentivar os actos litúrxicos que xa contan cun aforo moi limitado”, apunta o presidente.