A segunda etapa do Camiño Gastronómico do Mar será entre Foz e Burela
Este domingo 20 de novembro celebrarase a segunda das 4 etapas do Camiño Gastronómico do Mar 2022, que organiza a Asociación Amigos do Camiño do Mar Peregrinación a Santiago de Compostela en colaboración coa Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela.
Unha vez superada a primeira etapa, que uniu Ribadeo e Barreiros o pasado domingo, esta semana celébrase a segunda etapa do “Camiño Gastronómico do Mar 2022”, que durante catro fins de semana está a percorrer os oito concellos da costa lucense polos que pasa o Camiño do Mar, visitando cada domingo dous deles.
Para participar en cada etapa é necesario inscribirse antes de cada xoves na web da asociación. Para esta próxima etapa xa se apuntaron unhas 30 persoas, que percorrerán o tramo do Camiño do Mar que une a Basílica de San Martiño, en Foz, coa Iglesia da Vila do Medio, en Burela: uns 21 km de camiñada que terminarán na praza de abastos de Burela, onde se ofrecerá a tódolos participantes unha degustación de produtos da lonxa de Burela a cargo de chefs da Asociación Cociñeiros Lugo, coa colaboración de Estrela Galicia.
Ademais, os participantes no “Camiño Gastronómico do Mar 2022” poderán selar en cada concello a súa particular “Compostela” e optarán a un premio final, xa que entre todos eles sortearase unha cea para dúas persoas nun dos restaurantes que a Asociación Cociñeiros Lugo ten na Mariña.
Esta campaña, que conta coa colaboración dos concellos polos que discorre a ruta e de Armadores de Burela, enmárcase dentro das accións de promoción da OPP-7 incluídas no seu Plan de Produción e Comercialización anual, conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca; e serve un ano máis para fomentar o consumo de peixe e promocionar o “Camiño do Mar”, ruta xacobea que comunica por terra o Camiño Norte e o Camiño Inglés a Compostela.